Habilítanse dous novos aseos autolimpables na contorna da Torre de Hércules e As Lagoas

ACoruñaXa
Están dispoñibles desde este venres e completaranse con outros tres aseos públicos xa proxectados e que sairán a licitación nos vindeiros meses
Imaxe dos aseos públicos colocados polo Concello da Coruña
6 Apr 2024

O Concello da Coruña instalou dous novos aseos para o uso cidadá, ampliando a rede de servizos públicos da cidade. Os novos aseos dan continuidade ao plan posto en marcha polo Goberno de Inés Rey no pasado mandato para o reforzo da rede de baños públicos, ampliando o contrato de alugueiro e mantemento de aseos químicos co obxectivo de contar con máis aseos nas rúas.

Os servizos, dispoñibles dende este venres 5 de abril, están localizados no Paseo Marítimo. Un nas Lagoas, concretamente no número 65 do Paseo Marítimo; e outro na contorna da Torre de Hércules, na explanada do aparcadoiro, moi demandado pola grande afluencia de visitantes no enclave turístico. Ambos son accesibles e autolimpables. “Os aseos públicos son uns dos elementos máis demandados, tanto por persoas de idade avanzada como de familias con nenos e nenas, e o noso compromiso é seguir dotando A Coruña de máis servizos” explicou Rey.

Este tipo de aseos facilitan o mantemento e limpeza dos aseos como espazos públicos, xa que contan cun sistema de lavado automático de chan e inodoro despois de cada uso. Este actívase cando a persoa usuaria do servizo sae, accionándose co peche da porta. “A limpeza dos espazos públicos é competencia municipal mais tamén esixe un uso concienciado da cidadanía, respetando os servizos que son de todos e todas”.

Na actualidade a cidade conta con 56 unidades de aseos públicos entre os diferentes tipos (químicos, automáticos e de obra) para dar servizo aos cidadáns e cidadás que transitan pola rúa. O Goberno de Inés Rey prevé continuar ampliando a rede de servizos públicos coa licitación, nos vindeiros meses, de tres novos aseos autolimpables co obxectivo de que estén habilitados este mesmo ano. A actuación contou cun investimento de 132.121,30 euros para a súa adecuación, subministro e instalación.

0.15291810035706