Habilítanse autobuses entre ExpoCoruña e a praza de Pontevedra o domingo polo partido do Dépor
Ante a previsión da chegada á cidade dun gran número de afeccionados de Dépor este domingo desde outros puntos da área metropolitana e Galicia, o Concello habilitará unha grande área de aparcadoiro no campus universitario de Elviña e na contorna do Coliseum e ExpoCoruña.
Ademais habilitará un servizo especial de transporte con motivo do partido que enfrontará ao Real Club Deportivo e ao Fútbol Club Barcelona B a partir das 19.00 horas no estadio municipal de Riazor.
O servizo especial de autobuses lanzadeira comunicará os aparcadoiros do campus e do Coliseum coa praza de Pontevedra. O servizo de autobuses terá unha frecuencia de 15 minutos e estará operativo entre as 15.00 e as 18.45 horas entre ExpoCoruña e a praza de Pontevedra e, tras o partido, entre as 21.15 e as 00.00 horas no sentido inverso.
Entre as 15.00 e as 18.45 horas os autobuses partirán da avenida da Universidade, xunto a ExpoCoruña, e circularán en primeiro lugar cara ao campus de Elviña, facendo paradas xunto á Facultade de Socioloxía, a Facultade de Informática e a rúa Aurelio Aguirre (xunto ao edificio de sindicatos). Tras as paradas, os autobuses incorporaranse á avenida de Alfonso Molina e chegarán directos á praza de Pontevedra, diante do instituto Eusebio da Guarda.
Tras o partido, entre as 21.00 e as 00.00 horas, os autobuses levarán a cabo o percorrido inverso, partindo da praza de Pontevedra e chegando á contorna do campus e de ExpoCoruña, tamén cunha frecuencia de 15 minutos. As persoas que empreguen este servizo especial habilitado polo Concello en colaboración coa Compañía de Tranvías deberán aboar o billete habitual do transporte urbano coruñés, xa sexa a tarifa xeral ou as bonificadas.
Con este dispositivo o Concello busca facilitar os desprazamentos ás o aos cidadáns que se acheguen ata o estadio de Riazor a animar ao seu equipo nunha xornada tan especial.
O dispositivo do domingo completarase cun reforzo dos medios de emerxencias dos que dispón o Concello da Coruña. Nese sentido, o dispositivo estará formado por 40 integrantes de Protección Civil, 8 bombeiros, 50 policías durante o día e 10 máis pola noite. Ademais, tamén se contará co habitual reforzo da Policía Nacional para grandes eventos. Espérase a presenza dos efectivos de Seguridade Cidadá nos principais puntos de afluencia de persoas durante a xornada, incluída a contorna do campus de Elviña. Hai previstos cortes de tráfico na rúa San Xoán, na contorna do Campo da Leña e no paseo marítimo en función da afluencia de siareiros e siareiras.