Habilitan un dispositivo especial no transporte para a primeira xornada do Básquet Coruña na Liga ACB

ACoruñaXa
Ás 17.00 horas haberá unha primeira saída desde a praza de Pontevedra
Imaxe dun autobús urbano na Coruña
29 sep 2024

Este domingo, 29 de setembro, o Leyma Básquet Coruña iniciará a súa nova andadura na máxima categoría do baloncesto nacional, a Liga ACB. Será no Coliseum da Coruña e ante o vixente campión, o Real Madrid, nun encontro que comezará ás 18.30 horas e que pechará a primeira xornada da competición. A actual rede de transporte público da Coruña conta con nove liñas, 1-A, 4, 5, 12-A, 20, 22, 23, 23-A e 24, que conectan dos distintos barrios da cidade co Coliseum ou a súa contorna. Ditas liñas seguirán prestando servizo nos horarios habituais.

A maiores, e co obxectivo de lles facilitar o desprazamento ás e aos afeccionados, o Concello ten previsto habilitar un dispositivo especial poñendo en servizo a liña UDC entre a praza de Pontevedra e o campus universitario de Elviña. Ás 17.00 horas haberá unha primeira saída desde a praza de Pontevedra e manteranse frecuencias cada dez minutos ata as 18.30 horas, hora de inicio do partido, sumándose así este reforzo ao servizo que ofrecen as liñas xa existentes. O percorrido será o xa habitual da liña de autobús universitario, con paradas en Juan Flórez, San Pedro de Mezonzo, Alfonso Molina, As Paxariñas e novamente en Alfonso Molina á altura do Coliseum, sendo esta última a parada de destino.

O servizo de volta reiniciarase co mesmo procedemento ao rematar o encontro, desde as paradas de autobús urbano do campus universitario de Elviña e tamén na de en Alfonso Molina, mais na parada que está situada á beira do barrio de Matogrande, polo que será necesario cruzar a avenida pola pasarela peonil.

0.19724416732788