Gladiadores, o club de béisbol de Culleredo que chegou para gañar

Gladiadores de Culleredo converteuse nun dos nomes máis comentados do béisbol en Galicia. O club botou a andar en 2024 e fíxoo a partir dunha decisión persoal do seu presidente e ‘manager’, Juan José López Morales: tras 20 anos como profesional e unha etapa vencellada ao béisbol nos Estados Unidos e en Bilbao, ao instalarse en Galicia decidiu montar un equipo ‘para non esquecernos disto’, apoiándose nunha contorna moi próxima e cunha forte presenza venezolana. ‘Como venezolanos, este é o noso deporte rei’, explica.
O nome tamén viña con mensaxe. López conta que ‘Gladiadores’ sae da súa afección polas películas clásicas e desa idea de ‘un contra mil’, unha maneira de resumir a mentalidade coa que querían competir desde o principio.

A cronoloxía do club enténdese polos resultados. En 2024 debutaron na Copa Galicia e na Liga Galega e, segundo o presidente, o equipo xa se moveu en postos de cabeza, entre finais e un primeiro título. En 2025, coa entrada na Liga Noroeste Prata (dentro do circuíto nacional), López resúmeo así: ‘o ano pasado gañámolas todas… gañamos tres’. E engade o dato que empregan como carta de presentación: de cinco torneos disputados no marco da competición galega, gañaron catro e foron subcampións unha vez.
O crecemento non queda só no béisbol. López sinala que o club tamén ten equipo de sóftbol e que no verán xogaron dúas copas, cun balance de campións nunha e subcampións noutra.
No día a día, o club funciona cunha rutina axustada. Contan con 36 atletas e adestran dous días: xoves e domingos. Os domingos cítanse en Acea de Ama e alongan a sesión de mañá de 11.00 a 15.00, porque, segundo explican, entre semana manda o traballo. Os xoves, recoñece o presidente, a miúdo non hai campo dispoñible e toca adestrar ‘nunha cancha de baloncesto’, adaptando exercicios para non parar.
A loxística é outro dos puntos que condiciona a tempada. Competir en Primeira Nacional implica viaxes e o club pon cifras ao principal gasto: ‘os buses saen nuns 1.500 euros por cada desprazamento a Asturias’, con dúas ou tres saídas dese tipo ao ano, ademais doutros destinos como Valladolid. Se aparecese un patrocinador, di López, a prioridade sería o transporte.
No plano institucional, o presidente sinala ao Concello de Culleredo como o apoio máis próximo, especialmente a través das subvencións tramitadas este ano, aínda que matiza que están pendentes de ver ese respaldo materializado. ‘É o único apoio que temos’, afirma.

Ao mesmo tempo, o club traballa a visibilidade. Un dos seus sinais é retransmitir partidos en directo por YouTube: empezaron con 30 seguidores e agora aseguran superar a miúdo as 300 ou 400 visualizacións por encontro. E esa exposición nótase tamén fóra da pantalla: López conta que xa hai xente que se achega incluso aos adestramentos ‘coa súa camisa de Gladiadores’, algo que chama a atención tamén a outros equipos.
López matiza que o club pode ser pioneiro en Culleredo, pero non no conxunto de Galicia, onde xa hai equipos con traxectoria nos concellos da contorna: cita o caso do club de Cambre, con arredor de 35 anos de historia, e tamén aos Leones da Coruña, con máis dunha década de percorrido. ‘En Culleredo si, en Culleredo somos pioneiros’, resume, para situar o seu papel como proxecto novo nun mapa no que outros clubs levan anos asentados.
O obxectivo de 2026 está marcado: xogar a fase de ascenso e pelexar por subir a División de Honra. E, máis alá do club, López apunta a unha idea que enlaza deporte e contexto social: gustaríalle ver unha selección absoluta galega competitiva e poñer ‘Galicia en alto’ no béisbol amateur, apoiándose, di, no peso da inmigración latinoamericana que alimenta este deporte.
Ao final da conversa, Juan José López Morales quixo agradecer de maneira expresa o traballo do seu grupo de traballo: o capitán David Hansen, o vicepresidente Máximo Estrada, Alexander Cores (tamén responsable das retransmisións) e César Roca.