Ginebras leva o seu novo pop ás Noites de María Pita este domingo

GaliciaXa | ACoruñaXa
A banda madrileña actuará ás 22.00 horas na praza de María Pita, mentres que Borja Quiza homenaxeará a Frank Sinatra no Teatro Colón ás 21.00 horas
Imaxe das festas de María Pita na Coruña
8 Aug 2026

As Festas de María Pita 2026 vivirán este domingo 9 de agosto unha xornada marcada pola música con dúas propostas de estilos moi diferentes. A banda madrileña Ginebras protagonizará unha nova cita das Noites de María Pita cun concerto gratuíto ás 22.00 horas, mentres que unha hora antes o barítono galego Borja Quiza levará ao Teatro Colón un espectáculo dedicado ao repertorio de Frank Sinatra.

Ginebras chegará á praza de María Pita para presentar en directo o seu terceiro disco, ‘Donde nada es para tanto’, publicado recentemente e co que o grupo abre unha nova etapa na súa traxectoria. Magüi, Sandra, Raquel e Juls combinarán as novas composicións con algúns dos temas máis coñecidos da banda.

A formación converteuse nos últimos anos nun dos nomes destacados do pop e indie estatal, cunha proposta caracterizada polas letras autobiográficas, o humor e un son que foi evolucionando ao longo dos seus diferentes traballos. No seu novo álbum, Ginebras incorpora unha vertente máis rockeira e contundente xunto a cancións festivas e outras de carácter máis introspectivo.

‘Donde nada es para tanto’ alcanzou o terceiro posto entre os vinilos máis vendidos en España durante a súa primeira semana no mercado, un resultado que se suma á proxección conseguida pola banda nos últimos anos.

A súa traxectoria foi recoñecida, entre outros galardóns, co Premio Ondas Nacional de Música ao Fenómeno Musical do Ano 2024, o Premio Odeón ao Mellor Artista Revelación Alternativo e o Premio MIN á Mellor Letra Orixinal. Ginebras tamén pasou por destacados festivais e salas do país, entre elas o Movistar Arena de Madrid, e levou a súa música a escenarios internacionais de países como México, Colombia e Mali.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a incorporación do grupo á programación das festas como parte da aposta municipal por ofrecer propostas musicais diversas e achegar á cidade artistas destacados do panorama actual.

Borja Quiza recupera os clásicos da canción americana

A programación musical do domingo comezará ás 21.00 horas no Teatro Colón con ‘As Time Goes By. Homenaxe a Sinatra’, un espectáculo de Borja Quiza que tamén terá entrada gratuíta ata completar a capacidade do recinto.

O barítono natural de Ortigueira ofrecerá unha viaxe por algunhas das grandes composicións da canción americana do século XX, cun repertorio vinculado a intérpretes como Frank Sinatra, Billie Holiday, Ella Fitzgerald, Bing Crosby ou Lena Horne.

Quiza estará acompañado por Fernando Briones ao piano, Iñigo Azurmendi ao contrabaixo e Miguel González ao saxofón. O programa incluirá clásicos como ‘As Time Goes By’, ‘Blue Moon’, ‘Night and Day’, ‘Cheek to Cheek’, ‘Strangers in the Night’, ‘I've Got You Under My Skin’ e ‘New York, New York’.

A proposta busca achegar ao público o legado dos grandes estándares do jazz e da canción americana desde unha perspectiva diferente, marcada neste caso pola voz lírica do cantante galego.

Borja Quiza desenvolveu a súa carreira en destacados teatros e auditorios nacionais e internacionais e conta con recoñecementos como o Premio Ópera Actual ao mellor cantante novo e o Premio ao Mellor Cantante de Zarzuela dos Premios Líricos Teatro Campoamor.

0.12175297737122