Gastón cumpre 20 anos como estrela do Aquarium Finisterrae

Gastón, o tiburón touro (Carcharias taurus) que habita na sala Nautilus do Aquarium Finisterrae, cumpre este martes, 24 de febreiro, dúas décadas na instalación coruñesa. Chegou procedente do acuario de Brest, na Bretaña francesa, e desde entón convive no gran tanque con outras quenllas e peixes atlánticos de gran tamaño, convertido xa nunha figura recoñecible para varias xeracións de visitantes.
A historia do animal comeza na costa surafricana. Cando foi capturado tiña arredor de tres anos, medía 1,80 metros e pesaba 50 quilos. Tras o seu paso polo Oceanópolis de Brest, a convivencia con outros exemplares da especie complicouse polas pelexas frecuentes, o que levou o persoal coidador a buscar un novo destino para el. Ese traslado acabou na Coruña.
Xa no Aquarium, Gastón entrou nun período de corentena de varias semanas para adaptarse ás condicións locais, especialmente á temperatura, ao proceder dun tanque tropical. Co paso dos días recuperou a normalidade na alimentación e foi gañando peso, un sinal de que o cambio de hábitat funcionara, antes de incorporarse ao tanque da sala Nautilus, unha piscina de cinco millóns de litros na que nadan as especies máis grandes do acuario.
A alcaldesa, Inés Rey, subliñou que Gastón é ‘un dos principais reclamos’ do Aquarium e puxo en valor o papel do centro na divulgación do coñecemento sobre o medio mariño. O Aquarium Finisterrae forma parte dos Museos Científicos Coruñeses e foi creado polo Concello da Coruña o 5 de xuño de 1999, cunha colección biolóxica de máis de trescentas especies.