García Patiño renuncia á alcaldía de Cambre

ACoruñaXa
O agora exregidor xa anunciara a súa decisión, cualificándoa como a “única saída para desbloquear a situación do Concello”
Imaxe do pleno de renuncia do alcalde de Cambre
14 Mar 2024

Cambre celebrou este xoves un pleno cun único punto na orde do día, a toma de coñecemento da renuncia presentada por Óscar García Patiño aos cargos de alcalde e concelleiro do Concello. O agora exregidor anunciara esta decisión o pasado xoves, cualificándoa como “a única saída para desbloquear o Concello”.

A notificación en pleno era un dos pasos necesarios para formalizar a renuncia de García Patiño. Durante as súas intervencións, os portavoces dos distintos grupos apelaron á “responsabilidade” que os políticos e funcionarios deben ter para traballar polo interese xeral dos veciños e veciñas de Cambre, algo que García Patiño pedira en varias ocasións, a última vez, cando anunciou a súa renuncia.

Como explicou García Patiño o pasado xoves, a súa dimisión foi unha decisión “difícil e meditada” que valorou como a opción para solucionar o bloqueo que o Concello sofre desde hai meses. Tal e como xa advertira no mes de setembro, o Concello de Cambre sufría unha situación de parálise polo cambio de criterio adoptado polas novas habilitadas nacionais dos departamentos de Intervención e Secretaría. “O que non conseguiron nin nas urnas nin nos xulgados están a conseguilo agora con esta situación, que está a danar seriamente ás empresas, asociacións e funcionarios”. Unha afirmación que sustentou na débeda cos provedores (de máis de 5 millóns de euros), que trouxo consigo denuncias xudiciais ao Concello e mesmo problemas de salubridade pola falta de limpeza dos colexios ou do centro de saúde.

Como recollía a orde do día do pleno extraordinario, o punto trataríase como unha toma de coñecemento. Finalmente, os portavoces de cada grupo tiveron ocasión de realizar unha pequena intervención.

Tras as intervencións, os grupos votaron por unanimidade a toma de coñecemento da renuncia de Óscar García Patiño para a súa notificación á xunta electoral. Agora, o organismo terá que dar luz verde á acta do novo edil de UxC.

0.13959288597107