Gandeiros protestan nunha marcha por Alfonso Molina contra a normativa europea
Case dúas centenas de traballadores do sector do agro galego déronse cita esta mañá na Coruña para protestar contra as políticas agrarias europeas. A marcha convocada pola asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla de Lugo arrancou ás 12.00 no Coliseum da Coruña para dirixirse a pé até a Delegación do Goberno. Alí, onde lérase un Manifesto coas principais reivindicacións: redución da burocracia, reforma e simplificación da PAC, modificación das normativas ambientais e un prezo xusto polos produtos en orixe.
Con pancartas que alentan que "a unión fai a forza" e reclaman "que se cumpla coa cadea alimentaria" e piden "non ao peche de máis granxas", a marcha discorrerá polas avenidas Alfonso Molina e Linares Rivas até a Praza de Ourense, obrigando a cortar os accesos á cidade da Coruña. Esperase que unha vez lido o manifesto ante a delegación do Goberno na Praza de Ourense, os gandeiros recorran o sentido inverso ata chegar ao Coliseum sobre ás 14.30 horas.
O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, considera "insuficientes" os compromisos acadados por parte dos Gobernos das distintas Administracións para facer fronte á situación de emerxencia que vive todo o sector primario polo que fai un chamamento a "manter a presión" para que as reivindicacións dos produtores sexan escoitadas e atendidas.
Denuncian que se sinten afogados polas novas normativas chegadas dende Europa coa Axenda 2030 e por elo, piden ao Goberno a súa retirada. "Os produtores de alimentos non somos os culpables da destrución do medio ambiente, máis ben ao contrario", argumenta José Luis Pérez Barreiro, que acusa tanto á Unión Europea como aos Gobernos dos distintos países membros de "condenar ao medio rural á desaparición".
Ademais, os gandeiros critican que Europa lles impon todo tipo de trabas e impedimentos para producir, ao mesmo tempo que fai a vista gorda á entrada de produtos dende o exterior que non cumpren coas esixencias en materia de fitosanitarios ou benestar animal que aquí eles si que teñen que cumprir
"Semella que o verdadeiro obxectivo da Axenda 2030 é que os produtores locais pechemos antes do 2030 para abrir as fronteiras ás importacións a través dos tratados de libre comercio, ignorando o principio de preferencia comunitaria", argumenta o presidente de Agromuralla, alertando de que "está en xogo a seguridade alimentaria e a garantía de subministro de alimentos e produtos de primeira necesidade á poboación, como se demostrou durante a pandemia".