Gandarío e Mariña Española encaran o verán con preto de 1.700 prazas para campamentos xuvenís

ACoruñaXa
A Xunta ultima a posta a punto dos dous complexos de Bergondo e Sada, que acollerán actividades náuticas, tecnolóxicas e de lecer a partir do 1 de xullo
SADA albergue mariña
19 Jun 2026

Os albergues xuvenís de Gandarío, en Bergondo, e Mariña Española, en Sada, xa están preparados para recibir aos centos de participantes que pasarán polas súas instalacións durante a campaña de verán da Xunta de Galicia. A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou ambos os dous complexos para supervisar os traballos de mellora realizados antes do inicio das actividades, previsto para o 1 de xullo.

Entre os dous recintos ofertaranse este ano preto de 1.700 prazas dentro da campaña autonómica Modo Verán Activo, que alcanza unha cifra récord de 11.932 prazas en toda Galicia e un investimento de 5,5 millóns de euros.

No caso do albergue de Gandarío, as actuacións centráronse na renovación de varios pavillóns, coa substitución de chans, portas e liteiras, ademais de traballos de pintado e acondicionamento de distintas zonas do complexo. Tamén se reforzou o equipamento con novo material para a cociña, lavandería e mantemento das instalacións.

Durante os meses de xullo e agosto, Gandarío acollerá os campamentos 'Actividades no mar', unha das propostas máis demandadas da programación estival da Xunta, con 630 prazas repartidas en cinco quendas. Ademais, desenvolveranse actividades vinculadas á tecnoloxía, como a creación de videoxogos, a iniciación ao uso de drons ou a robótica educativa. O recinto tamén contará con quendas específicas para persoas con discapacidade. En total, o complexo ofertará 795 prazas.

Pola súa banda, o campamento Mariña Española, situado en Sada, ofrecerá 600 prazas para a actividade 'Aventura nas Mariñas', distribuídas en seis quendas. Ademais, reservaranse outras 300 prazas para programas organizados por entidades xuvenís que empreguen as instalacións durante a campaña de verán.

Neste recinto realizáronse tamén diversas actuacións de mellora e mantemento, entre elas a renovación de accesos a salas comúns, traballos de limpeza e acondicionamento da contorna, reparacións no peche perimetral e a incorporación de novo equipamento para os servizos de restauración.

Máis de 3.700 prazas na provincia

A campaña Modo Verán Activo contará este ano con 3.745 prazas na provincia da Coruña. Delas, 2.925 corresponden a campamentos destinados a nenos e mozos de entre 9 e 17 anos, aos que se suman minicampamentos, campos de voluntariado e programas de cesión de instalacións para entidades xuvenís.

A Xunta destaca que a programación busca combinar actividades deportivas, culturais, ambientais e formativas, ao tempo que fomenta a convivencia e a participación da mocidade. Ademais, mantense a aposta por unha oferta inclusiva, con quendas específicas para persoas con discapacidade e actividades adaptadas ás distintas necesidades dos participantes.

Con esta programación, os complexos de Gandarío e Mariña Española volverán situarse entre os principais referentes do lecer educativo estival en Galicia, atraendo cada ano a centos de mozos e mozas de toda a comunidade.

0.14057397842407