Gandarío acollerá tres xornadas de educación ambiental para promover o coidado da costa

ACoruñaXa
O Concello de Bergondo organizará actividades gratuítas os días 4, 5 e 6 de agosto dentro do programa da Bandeira Azul
BERGONDO praia gandario
31 Jul 2026

A praia de Gandarío converterase a próxima semana nun espazo de sensibilización ambiental coa celebración dun programa de actividades impulsado polo Concello de Bergondo dentro das accións vinculadas ao distintivo da Bandeira Azul.

As propostas desenvolveranse os días 4, 5 e 6 de agosto, en horario de 11.30 a 13.30 horas e de 16.30 a 18.30 horas, e estarán dirixidas por dous educadores ambientais que achegarán ás persoas participantes os principais retos ambientais que afrontan os areais e o litoral.

Durante as xornadas abordarase a problemática da contaminación, a conservación dos ecosistemas costeiros e a importancia das boas prácticas ambientais que poden adoptar tanto residentes como visitantes para contribuír á protección das praias.

O obxectivo desta iniciativa é fomentar unha maior concienciación sobre a necesidade de preservar o litoral e promover hábitos responsables que axuden a manter a calidade ambiental dos espazos costeiros.

Estas actividades enmárcanse no programa da Bandeira Azul, un distintivo que recoñece o esforzo dos municipios na xestión sostible das súas praias. Gandarío renovou este recoñecemento por sétimo ano consecutivo, certificando a calidade das súas augas, os servizos, a seguridade, a accesibilidade e o compromiso coa educación ambiental.

A Bandeira Azul é un galardón internacional promovido pola Fundación para a Educación Ambiental (FEE), presente en máis de setenta países, que distingue os areais e portos deportivos que cumpren esixentes criterios de calidade ambiental, seguridade e información ao público.

0.11987996101379