Galzheimer Care presenta na Coruña unha ferramenta para preservar a memoria e a identidade

A Coruña acollerá o vindeiro martes 30 de xuño a presentación de 'O libro da miña vida', unha ferramenta terapéutica impulsada por Galzheimer Care para axudar ás persoas con demencia, especialmente con alzhéimer, a preservar a súa identidade e facilitar a comunicación co seu entorno.
O acto celebrarase ás 18.00 horas no Espazo Es Bien e contará coa participación do neurólogo José Manuel Aldrey Vázquez, membro do equipo clínico da entidade, que explicará o funcionamento deste recurso baseado nas terapias non farmacolóxicas e no modelo de Atención Centrada na Persoa.
'O libro da miña vida' é un caderno de traballo que permite reconstruír a historia persoal mediante fotografías, nomes, lugares, recordos e experiencias significativas. O seu obxectivo é manter viva a memoria biográfica e emocional da persoa cando aparecen as dificultades cognitivas e favorecer a comunicación con familiares e persoas coidadoras.
Desde Galzheimer Care destacan que esta ferramenta tamén contribúe a reducir situacións de ansiedade, reforzar o vínculo emocional e recuperar vivencias que poden converterse nun legado para as futuras xeracións.
A presentación servirá tamén como peche das actividades da Escola de Coidado e Saúde, promovida por Galzheimer Care en colaboración coa Fundación Amador de Castro. Ao remate ofrecerase un café para facilitar o intercambio de experiencias entre as persoas asistentes.
Galzheimer Care é unha entidade sen ánimo de lucro nacida no Hospital Clínico de Santiago co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por demencia e das súas familias mediante formación, asesoramento e o desenvolvemento de ferramentas de apoio ao coidado.