Gallamonde acollerá a festa solidaria do ANPA mentres o fútbol sala provincial toma Miño

Miño vivirá este sábado 13 de xuño unha intensa xornada marcada polo deporte, a convivencia e a solidariedade. O ANPA Castro Baxoi celebrará unha nova edición da súa Xornada de Convivencia de Fin de Curso no campo de Gallamonde, entre as 11.30 e as 14.00 horas.
A cita está pensada para que as familias poidan gozar dunha mañá de lecer con inchables, varredora inchable, touro mecánico, obradoiros para menores de 3 a 12 anos e partidos de fútbol entre alumnado de 12 a 16 anos, pais e nais. Tamén haberá venda de comida durante toda a mañá.
Un dos puntos destacados será o sorteo solidario de material deportivo cedido por clubs e entidades da contorna, como AD Miño, Alameda Xarío, Miñotauros, Club CEPA, CDN Miño ou AD Judo Ferrolterra. Entre os premios figuran camisetas do RC Deportivo da tempada 2025-2026, da Selección Española de Fútbol e do Racing de Ferrol C.F.
A entrada será gratuíta para as persoas socias do ANPA. As non socias deberán aboar 2 euros e recibirán unha rifa para participar nos sorteos. Todo o recadado coa venda de rifas e comida doarase integramente á Aula Específica do CPI Castro Baxoi. Os menores deberán estar acompañados en todo momento por unha persoa adulta responsable.
A mesma xornada terá tamén outro foco deportivo no pavillón Juan Tenreiro, onde o club Alameda Xarío de fútbol sala organizará o campionato provincial prebenxamín e alevín. A competición comezará ás 10.00 horas, coa entrega de trofeos prevista ás 17.30 horas para a categoría prebenxamín e ás 19.00 horas para alevín.