Galiza Nova A Coruña presenta a súa programación comarcal para a 'VI Semana da Patria Galega'

ACoruñaXa
Iago Mosquera, responsable comarcal: “5 das máis de 50 actividades da Semana da Patria terán lugar na nosa comarca, todo un orgullo e unha oportunidade de seguir dándonos a coñecer entre a mocidade coruñesa”
Imaxe do acto celebrado este domingo na Coruña de Galiza Nova
15 Xul 2024

A organización xuvenil do BNG na comarca da Coruña deu a coñecer este sábado cal será a programación comarcal da sexta edición da “Semana da Patria Galega”, que contará con máis de 50 actividades por toda Galiza e das cales cinco serán en terras coruñesas.

“O sábado presentouse a Semana da Patria a nivel nacional e nós hoxe queremos dar a coñecer cal de toda esa gran programación terá lugar na nosa comarca”, explicou Iago Mosquera, responsable comarcal da organización. Así, Galiza Nova organizará 5 actividades diferentes entre os días 16 e 22 de xullo, “todas actividades diversas, abertas a todas as mozas e mozos da Coruña que queiran participar e enfocadas a dar a coñecer a nosa organización e o día da Patria Galega entre a mocidade” dixo Mosquera.

A primeira actividade consistirá no despregamento dunha bandeira da patria xigante na Coiraza do Orzán o martes día 16 de xullo, “é a nosa bandeira, a das causas xustas, parecíanos o máis axeitado iniciar esta programación cun acto simbólico de reivindicación da mesma” sinalou Iago. Non haberá que agardar moito, pois a seguinte actividade será ao día seguinte e consistirá nun roteiro pola cidade que leva por nome “A Coruña combativa”. Tal e como explicou o responsable comarcal “con este roteiro queremos dar a coñecer outra versión da nosa cidade, máis agochada, mais que demostra que aquí tamén sabemos reivindicar o noso país e os nosos dereitos. O roteiro farao un compañeiro noso, que se dedica a isto profesionalmente, e explicaranos feitos e persoas da nosa cidade que contribuíron a facer avanzar a loita nacionalista ata onde estamos hoxe”.

A seguinte actividade xa será na fin de semana, o sábado 20 de xullo, e consistirá nun coloquio aberto a redor do libro “Problemática nacional e colonialismo” que coordinará o deputado no Parlamento Galego Paulo Ríos. “É fundamental para nós saber identificar os mecanismos de colonización que aplica o Estado español co noso país e por que defendemos unha Galiza dona de si”, explicou Mosquera. Ao día seguinte terá lugar a proxección do filme “Luísa Villalta: Isto é tamén unha muller que resiste”, cun posterior coloquio coa directora, María Maronho; esta será a primeira proxección deste documental e terá lugar na Asociación Alexandre Bóveda, da que a propia Luisa Villalta foi socia ata o seu falecemento.

E por último, o luns 22 farase a tradicional homenaxe a Curros Enríquez en conxunto co BNG, para o que se dará a coñecer a información concreta nos vindeiros días, “o que si que podemos avanzar é que despois do acto organizaremos unha foliada e un pequeno convivio para quen se queira achegar, porque o día da Patria Galega, ademais de reivindicación, tamén é un día de celebración e de sentirnos orgullosas de ser deste país”, sentenciou Iago.

Programación completa

Martes 16 de xullo: Despregamento do Bandeirón da Patria na Coiraza do Orzán ás 18.00 horas.

Mércores 17 de xullo: Roteiro “A Coruña Combativa” con saída ás 19.00 horas dende a porta do Arquivo do Reino de Galicia.

Sábado 20 de xullo: “Problemática nacional e colonialismo”, unha ollada dende a mocidade
galega. Con Paulo Ríos. Ás 18.00 horas na libraría o Galgo Azul (Av. Gramela, 16-18 baixo).

Domingo 21 de xullo: Proxección do filme “Luísa Villalta: Isto tamén é unha muller que resiste”
e coloquio con María Maronho (autora). Ás 18.00 horas na AC Alexandre Bóveda. Luns 22 de xullo: Homenaxe a Curros Enríquez e foliada, por definir.

0.20267009735107