Galiza e Portugal únense na IX Xornada de Literatura Dramática e no VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir este 27 de outubro na Coruña

ACoruñaXa
O evento busca apoiar a creación escénica emerxente e estreitar lazos culturais entre Galicia e Portugal, con 7 proxectos que serán compartidos no Teatro Rosalía de Castro
As artes escénicas Coruña
25 Out 2024

O vindeiro domingo 27 de outubro de 2024, o Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá a IX Xornada da Sección de Literatura Dramática, xunto co VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir: Galiza + Portugal. Esta actividade, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), conta coa colaboración do Concello da Coruña, Deputación Provincial, CEDRO e o Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo. A entrada será libre e gratuíta.

O Festival Pezas dun Teatro do Porvir xurdiu coa finalidade de apoiar proxectos escénicos en proceso de creación, ofrecendo un espazo para compartir, debater e analizar estas obras en desenvolvemento. O evento tamén ten como obxectivo fomentar a cooperación cultural no Eixo Atlántico, estreitando os lazos entre Galiza e Portugal nun contexto único no noso país para a análise e impulso de creacións dramáticas.

Nesta edición, o festival inclúe unha masterclass a cargo de Roberto Pascual, dramaturgo e director artístico da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia durante máis de 15 anos. Pascual ten destacado pola súa programación comprometida cos valores de liberdade, diversidade e inclusión, tal e como amosa a súa obra "Sophie non é o meu nome de guerra", que obtivo o Premio Rafael Dieste en 2021.

Programa:

Nesta sétima edición, presentaranse 7 proxectos (4 galegos e 3 portugueses) que serán compartidos co público. As obras máis destacadas poderán ser seleccionadas para a súa estrea, aínda que o xurado poderá declarar o premio deserto se o considera oportuno.

Domingo 27 de outubro – Teatro Rosalía de Castro (Entrada libre):

  • 10:00 h. Apertura da Xornada a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e representantes das institucións colaboradoras.
  • 10:30 h. Procesos abertos de escrita dramática (mañá):
    • Nuna. Por Favor não mexer/Por favor não tocar.
    • Paula Sanmartín. Némese en tránsito.
    • Andrea González García. En carne viva.
  • 12:45 h. Aula maxistral a cargo de Roberto Pascual.
  • 16:30 h. Procesos abertos de escrita dramática (tarde):
    • Isabel Milhanas Machado. Uma história.
    • Luís Campião. Carta à mãe.
    • Carlota Mosquera. Ninguén tira fotos nos enterros.
    • Sol Mariño. A Velha Berimbau.
  • 19:30 h. Deliberación do Comité de Selección, composto por Afonso Becerra de Becerreá, Xosé Paulo Rodríguez, Célia Guido Mendes e Roberto Pascual, ademais dos votos das persoas creadoras dos proxectos presentados.

Esta xornada supón un encontro imprescindible para o apoio á creación escénica e o intercambio cultural entre Galiza e Portugal, ofrecendo unha oportunidade única para coñecer proxectos innovadores no seu proceso de desenvolvemento.

0.18630003929138