Galicia rexistrou o verán máis cálido desde o ano 1961 cunha temperatura media de 21,4 graos

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, informou de que Galicia rexistrou este ano o verán meteorolóxico, que se corresponde cos meses de xuño, xullo e agosto, máis cálido desde o ano 1961, que é cando comeza a serie histórica.
Segundo dixo a conselleira, durante a presentación do informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, a temperatura media deste verán foi de 21,4 grados, 2,3 graos superior ao período de referencia. Ademais, “tanto as temperaturas mínimas como as máximas foron tamén as máis elevadas de toda a serie histórica”, sinalou Ángeles Vázquez.
Máis polo miúdo, o mes de xuño foi extremadamente cálido alcanzando os 20,4 graos, 2,6 graos por riba do habitual, o que o converte no segundo mes de xuño máis cálido desde 1961. Neste mes, destacaron os episodios cálidos entre os días 11 e 14 e, sobre todo, entre o 20 e o 24, que estiveron asociados á chegada frecuente de masas de aire moi cálido procedentes do sur. En canto a xullo, a temperatura media foi de 22,5 graos, 2,8 graos superior ao frecuente neste período, o que o converte no mes de xullo máis cálido desde que hai rexistros.
No caso do mes de agosto, a conselleira indicou que tivo un comportamento diferente. Os primeiros días estiveron marcados por situacións anticiclónicas e por un episodio cálido especialmente destacado entre os días 10 e 18, pero na última semana do mes houbo un cambio importante coa entrada dun episodio frío entre os días 23 e 29. Con todo, cunha temperatura media de 21,4 graos, 1,5 graos por riba do habitual, agosto pode considerarse un mes moi cálido.
En canto ás precipitacións, o verán de 2026 pode considerarse, en conxunto, seco, cunha precipitación media acumulada de 94 litros por metro cadrado, o que supón un 22% menos do habitual. Neste aspecto, a conselleira explicou que, como aconteceu coas temperaturas, o comportamento da chuvia foi moi diferente dun mes a outro.
En concreto, en xuño tivemos un déficit do 50% con respecto ao habitual neste mes, mentres que en xullo a escaseza foi especialmente acusada. A precipitación media foi de apenas 5 litros por metro cadrado, un 86% menos do habitual, polo que o mes de xullo se cualificou como moi seco.
Pola contra, agosto resultou ser un mes moi húmido ao rexistrar 64 litros por metro cadrado de precipitación media, o que é un 73% por riba do agardado nesta época. Estes datos débense as grandes cantidades de chuvia que deixaron ás dúas borrascas que afectaron a Galicia entre os días 23 e 29.
Nese senso, a conselleira subliñou que esta evolución mostra unha característica cada vez más relevante do comportamento meteorolóxico. “Non so debemos fixarnos en canto chove, senón tamén en como se distribúe esa precipitación ao longo do tempo e do territorio”, engadiu.