Galicia presenta en Madrid su programa de detección precoz del cáncer de pulmón

A comunidade galega presentou, na Real Academia Nacional de Medicina de España, a experiencia do seu programa LUNG-GAL, iniciativa que está a contribuír a definir un modelo organizado e poboacional de detección precoz do cancro de pulmón.
A subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudables da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez, participou na II Xornada sobre Cancro de Pulmón: evidencia e retos para a detección precoz, que se celebra en Madrid.
Con LUNG-GAL, Galicia quere achegar ao debate estatal unha experiencia real de innovación en saúde pública, organización e cooperación sanitaria, posto que anticiparse ao cancro de pulmón significa tamén gañar tempo, oportunidades de tratamento e posibilidades de vida.
Tal e como detallou Sagrario Pérez, a experiencia galega achega unha perspectiva especialmente relevante como é evolucionar desde unha experiencia piloto cara a un modelo de alcance poboacional que permita identificar, de maneira máis eficaz, as persoas con maior risco, facilitar o seu acceso ás probas e garantir unha atención coordinada, con independencia do lugar no que residan.
O proxecto LUNG-GAL naceu coa vocación de avanzar cara a unha detección precoz máis organizada, accesible e equitativa. A experiencia inicial, desenvolvida no centro de saúde do Ventorrillo, na Coruña, permitiu identificar oportunidades de mellora, especialmente na identificación da poboación diana.
A evolución do proxecto aposta por unha captación activa e dixital das persoas potencialmente candidatas, mediante o envío dunha mensaxe institucional personalizada que facilita o acceso a un cuestionario en liña.
A través da información sobre os antecedentes de consumo de tabaco, un algoritmo permite identificar as persoas que poderían cumprir os criterios de inclusión, para a súa posterior validación clínica e programación da tomografía computarizada de baixa dose.
O modelo contempla, -remarcou a subdirectora xeral-, a participación de homes e mulleres de entre 55 e 74 anos cunha historia de consumo de tabaco igual ou superior a 20 paquetes/ano, de acordo cos criterios establecidos no protocolo.
Un dos seus elementos diferenciais explicados por Sagrario Pérez é a vocación de equidade territorial. Así, a evolución do proxecto pretende incorporar concellos de ámbito rural, semiurbano e costeiro nas sete áreas sanitarias galegas, evitando que o acceso á detección precoz dependa do lugar de residencia.
Detectar antes para ofrecer máis oportunidades
Segundo sinalou Sagrario Pérez, os resultados preliminares da experiencia piloto galega apuntan ao potencial da detección temperá. Non obstante, estes primeiros resultados deben interpretarse con prudencia, xa que proceden dunha mostra piloto de dimensión limitada e non permiten extraer conclusións definitivas sobre o impacto do modelo a escala poboacional.
Precisamente, un dos retos de LUNG-GAL é ampliar a capacidade de identificación e captación da poboación diana para obter evidencia máis sólida e representativa.
A representante da Xunta explicou que a proposta galega parte dunha premisa fundamental: a detección precoz non pode entenderse como unha intervención illada nin substituír as políticas de prevención do tabaquismo. Por iso, LUNG-GAL incorpora a deshabituación tabáquica como parte esencial do seu enfoque. A captación dixital ofrece a oportunidade de achegar información e apoio para abandonar o consumo, facilitando a derivación aos recursos asistenciais correspondentes.
Para Sagrario Pérez, detectar antes é importante, pero evitar que a enfermidade apareza segue a ser unha prioridade. Combinar ambas as intervencións permite reforzar o impacto dunha estratexia integral fronte ao cancro de pulmón.
A experiencia galega tamén pon de manifesto que un programa de detección precoz require moito máis que dispoñer dunha proba diagnóstica. Precisa unha organización definida, criterios homoxéneos, capacidade para realizar e interpretar as probas, circuítos rápidos ante achados sospeitosos e sistemas de información que permitan seguir cada persoa ao longo de todo o proceso.
LUNG-GAL articula esta resposta mediante a colaboración entre Saúde Pública, atención primaria, radioloxía, pneumoloxía e cirurxía torácica. A coordinación entre estes ámbitos é esencial para garantir a continuidade asistencial, reducir perdas no seguimento e ofrecer unha resposta proporcionada aos resultados das probas.
A participación de Galicia nesta II xornada permite compartir os avances e aprendizaxes nun foro no que se abordan cuestións determinantes para o futuro do cribado en España: o modelo organizativo, a capacidade diagnóstica, a equidade territorial, o financiamento e a integración cos programas de deshabituación tabáquica.
A experiencia galega contribúe así a un debate que vai máis alá da incorporación dunha nova proba: como construír un modelo de detección precoz eficaz, sostible e equitativo, capaz de chegar ás persoas que máis o necesitan.
Este encontro científico reúne as perspectivas institucionais e asistenciais para analizar a situación actual do cancro de pulmón en España e o potencial cambio de paradigma que pode representar a detección precoz. A xornada aspira a consolidarse como un espazo de referencia para o intercambio de coñecemento e boas prácticas, favorecendo o diálogo entre administracións, sociedades científicas, hospitais e organizacións de pacientes.
A reunión busca, ademais, favorecer o intercambio de coñecemento e avanzar na construción de consensos sobre as condicións necesarias para valorar a eventual implantación dun programa de cribado no Sistema Nacional de Saúde.