Galicia premia o talento novo no Xuventude Crea 2026 con propostas de moda e xoiería

ACoruñaXa | FerrolXa | SantiagoXa
Pablo Aneiros, de Fene, gaña a categoría de moda cunha colección inspirada no amor, mentres Ariadna Prado, de Teo, logra o primeiro premio en deseño de xoias
SANTIAGO gañadores crea
24 Nov 2026

O Xuventude Crea 2026 recoñeceu este luns o talento creativo da mocidade galega nas categorías de moda e deseño de xoias, cun palmarés no que destacan varios participantes da provincia da Coruña. A final destas dúas especialidades celebrouse na igrexa da Universidade de Santiago, onde tamén se poderán visitar as pezas finalistas ata o próximo 3 de decembro.

Na categoría de moda, o primeiro premio foi para Pablo Aneiros, de Fene, pola colección 'Todas as flores que quedan por regalarche', unha proposta inspirada na exploración do amor e os seus diferentes estados. A creación combina roupa funcional vinculada ao ámbito laboral con tecidos de punto, dotando as pezas dun carácter emocional.

O segundo premio recaeu en Claudia Pinaque, de Santiago de Compostela, pola colección 'Cullareira', formada por cinco conxuntos que exploran a iconografía da sociedade rural galega vinculada á actividade conserveira do século XX.

O terceiro premio foi compartido entre 'Mirage', da lucense Lucía Álvarez, e 'Lembranza', da coruñesa Lara Parafita. A primeira colección aborda a identidade, mentres que a segunda busca recuperar e dar forma á memoria colectiva, coa xoiería como elemento simbólico que atravesa toda a proposta.

No apartado de deseño de xoias, o primeiro premio foi para Ariadna Prado, natural de Teo, pola súa colección 'Mayfair Collection', inspirada na estética da xoiería británica de diferentes épocas.

O segundo galardón foi para 'Brillo líquido', do vigués Iker Peluaga, un proxecto baseado na teoría da modernidade de Zygmunt Bauman, no que destacan as formas asimétricas, os volumes complexos e os detalles minuciosos. O terceiro premio recaeu en 'Intimidade', de Nadia Dovigo, de Curtis, unha colección de fío de prata de lei formada por pendentes, anel e broche que busca expresar de maneira tanxible o mundo interior de cada persoa.

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, asistiu á final e destacou a «orixinalidade e creatividade» das pezas premiadas, que considerou un exemplo da calidade artística da mocidade galega. Tamén subliñou o potencial creativo da comunidade e a continuidade da súa identidade cultural a través dunha nova xeración na que, segundo indicou, innovación e tradición van da man.

Todas as pezas finalistas destas dúas modalidades poderán visitarse na igrexa da Universidade de Santiago ata o 3 de decembro, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas, con entrada gratuíta.

O Xuventude Crea chega este ano á súa décimo sétima edición con 15 especialidades artísticas. A convocatoria reuniu preto de medio milleiro de participantes e consolídase como unha das iniciativas da Xunta para impulsar a creación artística entre a mocidade galega.

0.12753510475159