Galicia elixe hoxe o seu Goberno
Son os comicios nos que se escolle ao presidente galego, que de cambiar sería o oitavo. En Galicia celebráronse xa once eleccións á Xunta desde o ano 1981
Hoxe é día de eleccións en Galicia para escoller aos representantes no Parlamento e con elas ao próximo presidente da Xunta, que podería ser o oitavo logo de once convocatorias.
Alfonso Rueda anunciou días antes do Nadal, ao finalizar o Consello de Goberno, a cita electoral. Esta declaración chegou nun momento no que o entón presidente da Xunta recibía presións por parte dos dous partidos maioritarios na oposición, especialmente polo PSOE. Ademais, este adianto coincidiu tamén co debate pola aprobación da lei da amnistía.
A data coincidiu tamén coa celebración do Entroido, unha das festas máis destacadas en Galicia, en especial nalgunhas zonas como Ourense. Mentres a data parecía que traería queixas por parte dos partidos, ao final, este adianto foi do gusto de todos os partidos.
Para Galicia serán as duodécimas eleccións logo do paso de oito presidentes, seis do PP e dous do PSOE. Actualmente o arco parlamentar está formado por 42 representantes do PP, 19 do BNG e 14 do PSOE.
Son varias as particularidades destas eleccións, nas que por primeira vez desde 2009 o candidato do Partido Popular non é Alberto Núñez Feijoo, que deixou a presidencia da Xunta o ano pasado para encabezar a lista do PP ás eleccións xerais. O galego obtivo un gran apoio das urnas pero contrariamente á predición das enquisas, non logrou a maioría absoluta que esperaba contando co apoio de VOX. Xa antes, nas municipais, os populares tiñan gañado terreo, que logo non chegou a materializarse nas xerais. Alfonso Rueda lidera o partido tras un ano como presidente.
Para o PSOE estas tamén son unhas eleccións diferentes. Por primeira vez preséntase para liderar o partido un lugués, José Ramón Gómez Besteiro, que despois de varios anos fóra da política regresou pola porta grande volvendo ao panorama como delegado do Goberno en Galicia. Poucos meses despois deixou o cargo para presentarse ás eleccións xerais como deputado por Madrid e ser peza fundamental na negociación de Sánchez para formar goberno. Foi nomeado candidato á Xunta sen oposición.
Para Ana Pontón o reto está aí. Como a segunda forza máis votada nos anteriores comicios, ten ante ela o obxectivo de derrotar a Alfonso Rueda por unha banda e impedir que o PSOE lle arrebate escanos para manterse por riba, polo que, en caso de ter posibilidade de pactar poda ser a primeira muller presidenta en Galicia.
Con todo moi apertado dúas forzas poderían cambiar a balanza, Sumar e Democracia Ourensana, que restarían votos aos partidos maioritarios e que poderían cambiar o curso dunhas eleccións nas que nada está decidido.
O obxectivo é controlar os 38 escanos que dan a maioría absoluta. A provincia de Lugo escollerá 14 parlamentarios, ao igual que Ourense
As eleccións ao Parlamento de Galicia reparten un total de 75 escanos, polo que o principal obxectivo de cada partido é lograr os 38 que dan a maioría absoluta e evitan os pactos, tanto para poder gobernar como para perder a presidencia.
Catro trazos definen as eleccións galegas. A primeira é que se fan listas por circunscrición provincial plurinominal. O sistema para o reparto de escanos é o D’Hondt, o mesmo que se utiliza nos diferentes comicios en toda España.
Para lograr representación existe unha barreira, que é obter o 5% dos votos válidos (suma de votos da candidatura e votos en branco). Se non se obtén o escano eses votos irán para o partido máis votado.
A última característica deste sistema é a lista electoral pechada e bloqueada cumprindo a proporción de dúas persoas de cada sexo por cada cinco postos.
A lei electoral autonómica establece que a repartición dos 75 escanos entre as provincias realízase asegurando un mínimo de dez escanos por provincia e posteriormente repártense os escanos proporcionalmente á poboación. Esta repartición concede a Lugo e a Ourense 14 cada un, mentres que A Coruña lévase 25 e a Pontevedra correspóndenlle outros 22.
Os diferentes partidos que concorreron ás eleccións elaboraron unha lista que require un mínimo de 14 candidatos pola provincia. A luguesa conta con dez candidaturas, que se repiten en todas as provincias, agás en Ourense, onde tamén concorre Democracia Ourensana, un partido de tendencia conservadora.
Unha vez escollidos os parlamentarios, haberá que facer efectivo o nomeameto do presidente. Os candidatos que o desexen presentarán o seu candidato para dirixir o Goberno e procederase á votación. En primeira volta deberán obter unha maioría absoluta (38 votos).