Galicia defende no Consello Consultivo de Pesca a estabilidade das cotas no Atlántico e melloras para a frota artesanal

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa | FerrolXa
A titular de Mar participou na xuntanza preparatoria do vindeiro Consello de Ministros da Unión Europea, que abordará as posibilidades de captura para 2027 e as modificacións normativas da Comisión
Pesca-fotos-barcos-baixura-2
22 Oct 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defendeu a estabilidade das cotas pesqueiras nas augas atlánticas e a necesidade dunha “simplificación normativa real e adaptada á frota artesanal” durante a súa participación, por videoconferencia, na sesión do Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios. O encontro, convocado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, serviu para coordinar a postura española de cara ao Consello de Ministros de Agricultura e Pesca (Agrifish) da Unión Europea que se celebrará en Luxemburgo os días 26 e 27 de outubro.

Durante a xuntanza, na que se analizou a proposta de regulamento sobre as posibilidades de pesca para o ano 2027 no Mar Báltico e as modificacións técnicas en augas comunitarias, a responsable autonómica puxo o acento na necesidade de evitar que criterios de xestión restritivos ou fórmulas adoptadas para outros caladoiros “poidan sentar precedentes prexudiciais para a actividade da frota galega en augas atlánticas e cantábricas”. Neste sentido, defendeu o mantemento do TAC plurianual do merlán na zona 8 acordado para 2026 e que calquera axuste futuro se aborde no paquete xeral de posibilidades de pesca respectando a estabilidade socioeconómica e o asesoramento científico.

Así mesmo, a titular de Mar fixo fincapé na importancia da vindeira reunión anual da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT, polas súas siglas en inglés), que se celebrará en novembro en Vilamoura (Portugal). Galicia trasladou a relevancia estratéxica de manter as asignacións actuais de cotas en especies esenciais para a nosa frota como o bonito do norte, o pez espada ou a quenlla, ademais de demandar a realización dunha avaliación científica actualizada para o marraxo que garanta a conservación do recurso sen comprometer a viabilidade operativa do palangre de superficie.

En relación co informe anual de 2026 sobre os avances en materia de simplificación, aplicación e cumprimento, Galicia manifestou a necesidade de que a flexibilización dos fondos europeos (FEMPA) se traduza en mecanismos áxiles de reprogramación que respondan aos retos de modernización de buques e redución de cargas burocráticas. Marta Villaverde insistiu tamén en que a implantación dos novos requirimentos de dixitalización e control se faga “cun calendario realista e axustado ás características técnicas e operativas da pesca costeira artesanal”, lembrando que o 90 % da frota galega ten menos de 12 metros.

A conselleira tamén aproveitou a súa intervención para reiterar a preocupación e o rexeitamento de Galicia á liberalización arancelaria da conserva de atún na negociación do acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Tailandia, polos graves prexuízos que tería para as conserveiras galegas.

0.15402579307556