Galicia á fronte na seguridade dos produtos de consumo grazas ao traballo do laboratorio autonómico
A Xunta de Galicia puxo de relevo hoxe o importante labor que realiza o Laboratorio de Consumo de Galicia para garantir a calidade e seguridade dos produtos non alimenticios que se adquiren no mercado. Durante unha visita á sede deste centro na Coruña, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, destacou que Galicia está á vangarda en España na detección de produtos inseguros e na súa comunicación á Rede de alerta nacional, contribuíndo así a un mercado máis seguro.
O Laboratorio de Consumo de Galicia, que depende da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, é o único laboratorio oficial público de consumo en España acreditado pola ENAC, o que avala a súa competencia técnica. Este recoñecemento sitúa a Galicia como un referente no control de produtos a nivel nacional e internacional.
No que vai de ano, o Laboratorio comunicou 23 alertas de produtos inseguros, que se suman ás 91 do ano pasado. Entre os produtos máis frecuentemente alertados atópanse os punteiros láser, xoguetes, luminarias e pequenos electrodomésticos, que foron retirados da venda para protexer aos consumidores.
Unha das características distintivas deste centro é a súa capacidade para adquirir e analizar produtos dispoñibles en liña, garantindo que tamén os produtos do mercado global sexan seguros. En 2023, por exemplo, emitíronse 19 alertas de punteiros láser adquiridos por internet.
Ademais de realizar estes controis, os técnicos do Laboratorio de Consumo de Galicia colaboran coa elaboración de normas de seguridade a nivel nacional e europeo, contribuíndo así ao desenvolvemento dun marco regulador que mellore a seguridade dos produtos en todo o continente.