Fronte Ampla propón reducir por lei as listas de agarda en saúde mental e crear equipos multidisciplinares nos colexios

Fronte Ampla comprometeuse este luns a reducir por lei as listas de agarda en saúde mental e a impulsar a creación de equipos multidisciplinares nos centros educativos para previr problemas psicolóxicos desde a infancia. A proposta foi trasladada tras unha reunión na Coruña con representantes da Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM), na que a formación abordou a situación da atención psicolóxica e psiquiátrica en Galicia e recolleu as demandas do tecido asociativo.
A candidata ao Senado pola Coruña, Rocío Núñez, denunciou durante o encontro as demoras existentes no sistema sanitario galego, con esperas de ata 12 meses para acceder a unha consulta de psiquiatría e de entre tres e seis meses para obter unha cita en psicoloxía, segundo os datos expostos pola formación.
Núñez criticou as políticas sanitarias do Partido Popular e defendeu a necesidade de situar a saúde mental como unha prioridade dentro do sistema público. 'Imos controlar esta situación desde o Estado. Obrigaremos a que esas listas de agarda se reduzan por lei e poñeremos en marcha mecanismos reais de transparencia', asegurou.
Entre as medidas plantexadas por Fronte Ampla figura o establecemento de mecanismos legais que obriguen a reducir as listas de agarda para a atención especializada, así como instrumentos de transparencia que permitan controlar a súa evolución e coñecer os tempos de demora.
A formación tamén aposta por reforzar a prevención dos problemas de saúde mental entre a poboación máis nova. Para iso, propón crear e impulsar equipos multidisciplinares nos centros educativos, co obxectivo de abordar o benestar emocional desde as primeiras etapas da vida e contribuír a reducir o risco de suicidio entre a mocidade.
Na visita participaron o candidato ao Congreso pola Coruña, Xosé Lois Piñeiro, e a candidata ao Senado, Rocío Núñez, que mantiveron o encontro con representantes de APEM para coñecer de primeira man as necesidades das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias.