Froita e leite para fomentar hábitos saudables nas escolas

Dezaoito centros educativos da área metropolitana da Coruña participan este curso 2025-2026 no programa de distribución de leite, froita fresca e castañas nas escolas, unha iniciativa coa que a Consellería do Medio Rural busca promover hábitos alimentarios saudables entre o alumnado desde as primeiras etapas educativas.
A campaña chegará a colexios e institutos dos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Carral, Culleredo e Oleiros. Ao remate do curso, nestes centros repartiranse 26.875 quilos de froita e 79.958 litros de leite, destinados ao consumo do alumnado durante o recreo.
Na provincia da Coruña, a segunda quenda do programa, que se desenvolve entre marzo e xuño, beneficia arredor de 54.436 estudantes de 96 centros. En total, ao longo da campaña distribuiranse nos centros coruñeses máis de 88.000 quilos de froita e máis de 172.000 litros de leite.
As axudas, convocadas en réxime de concorrencia non competitiva, contan este curso cun orzamento superior ao millón de euros para o conxunto de Galicia e están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). O reparto xestiónase a través do Fondo Galego de Garantía Agraria, adscrito á Consellería do Medio Rural.
Poden acceder a este programa os centros de educación infantil, primaria e secundaria, incluíndo ESO, bacharelato, formación profesional básica e ciclos de grao medio. Cada ano, máis de 80.000 alumnos e alumnas galegos consumen froita e leite nos seus centros educativos grazas a esta liña de apoio.