Francisco Jorquera critica ao goberno local por actuar como "se tivese maioría absoluta"
O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, lanzou unha dura crítica ao Goberno Local durante o terceiro encontro Fío Directo co BNG, celebrado esta tarde. Jorquera acusou ao executivo liderado por Inés Rey de actuar como se tivese unha maioría absoluta, cando en realidade “nin sequera ten unha maioría simple”.
O líder nacionalista baseou as súas declaracións na “mala lectura” que, ao seu xuízo, fixo o PSOE dos resultados das eleccións municipais. “Inés Rey presentouse como vencedora, pero o PP conseguiu 12 escanos, o PSOE 11 e o BNG, 4. A súa investidura foi resultado dunha negociación co BNG, pero en ningún caso implicaba un apoio incondicional durante todo o mandato”, explicou.
Segundo Jorquera, a confianza do BNG no Goberno Local rompeuse debido ao incumprimento reiterado dos acordos de investidura e dos presupostos de 2024. “Non é crible un novo acordo orzamentario se antes non se cumpre o xa pactado”, afirmou. Esta situación levou ao BNG a anunciar no Pleno extraordinario do pasado luns que non negociará co executivo municipal as contas de 2025.
Ademais, Jorquera sinalou que o Goberno Local amosa unha preocupante “insensibilidade” diante das demandas da veciñanza e dos colectivos sociais. “Escoitamos queixas frecuentes de asociacións que non reciben respostas ás súas achegas. Isto non pode continuar así”, advertiu.
Para rematar, o portavoz do BNG asegurou que a súa formación manterá unha oposición “construtiva pero firme”. “Seguiremos fiscalizando, propoñendo e impulsando, pero calquera novo pacto co Goberno Local require un cambio de actitude e unha aposta polo diálogo tanto coa Corporación como coa cidadanía”, concluíu.