Forte enfrontamento entre PP e PSOE no Pleno de Culleredo

ACoruñaXa
Os concelleiros do grupo popular, acompañados polos do BNG, decidiron abandonar o pleno tras o que consideran “graves faltas de respecto e desprezos intolerables” por parte do alcalde
pp-pleno-culleredo
Saída do pleno dos concelleiros do PP de Culleredo
15 May 2025

O último pleno municipal celebrado en Culleredo derivou nun novo enfrontamento político entre o equipo de goberno e o grupo municipal do Partido Popular, tras un debate sobre o estado das esculturas metálicas situadas no paseo de O Burgo.

Dende o goberno local lamentan o que cualifican como un “espectáculo de demagoxia” por parte do PP durante a sesión, que, segundo sinalan, acadou o seu momento máis tenso no intre do rogo presentado polo concelleiro popular José Antonio Golpe Faraldo en relación co mantemento das citadas esculturas. O executivo municipal asegura que o edil popular recorreu ás “descalificacións” e que chegou a cualificar o goberno como unha “lacra” e unha “indignidade”. En resposta, o alcalde, José Ramón Rioboo, considerou que o concelleiro “non está capacitado” para valorar manifestacións artísticas, replicando cun “chiste manido”, segundo describe o goberno.

Pola súa banda, o PP de Culleredo asegura que a actitude do alcalde durante a sesión estivo “chea de graves faltas de respecto e desprezos intolerables” cara aos membros da oposición, o que motivou a súa decisión de abandonar o pleno xunto co grupo do BNG. Segundo os populares, o rexedor respondeu a unha pregunta sobre a falta de intervención nas esculturas de José Rey Lago con ataques persoais, no canto de asumir responsabilidades. A voceira do grupo, Izaskun García, denunciou o que considera un comportamento “inxustificable” por parte do alcalde, ao que acusa de “insultar, menosprezar e actuar cun estilo barriobaxeiro impropio dun cargo público”.

O PP sostén que a situación vivida no pleno “degrada a política municipal” e que o abandono da sesión foi unha resposta conxunta “para marcar un límite ante a falta de respecto institucional”. Desde o goberno local, en cambio, consideran que a saída do grupo popular foi un intento de “buscar notoriedade” e “ocultar as súas faltas de respecto constantes”. Ademais, critican o que consideran unha actitude contraditoria por parte do PP: “Empregan todo tipo de adxectivos contra o equipo de goberno, pero levan as mans á cabeza cando os reciben”, sinalan fontes municipais.

O enfrontamento súmase a unha longa serie de tensións entre o equipo de goberno e a oposición, que nesta ocasión tivo como detonante o debate sobre o estado de conservación de elementos artísticos do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.096134901046753