Formoso eloxia na Escola de Verán do Poder Xudicial o acordo para renovar o órgano de goberno xudicial
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, inaugurou onte no pazo de Mariñán a vixésimo sexta edición da Escola de Verán do Poder Xudicial xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e ao presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial, Vicente Guilarte.
As xornadas, que se desenvolverán ata o venres 12 de xullo, servirán para analizar a Xustiza no marco da Constitución Española. O programa de conferencias e mesas redondas abordará asuntos como os límites do Poder Xudicial na defensa do Estado de Dereito, os cambios xeracionais na carreira xudicial ou a creación de xurisprudencia por parte do Tribunal Supremo.
Na súa intervención, Formoso asegurou que se trataba dun día “especial” porque, tras varios anos de espera, se pode celebrar o recente acordo para a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial. O presidente provincial destacou que a Xustiza seguiu funcionando durante todo ese tempo, pero lamentou que a situación afectara á percepción da cidadanía. Agora, o pacto para a renovación volve “poñer en valor” do seu papel e fai posible “seguir crendo en algo tan importante como é a Xustiza”, dixo.
En canto ao contido da Escola de Verán, o presidente provincial destacou que, ademais de cuestións técnicas de gran relevancia, abordará tamén aspectos tan interesantes como a relación da Xustiza coas redes sociais. Iso demostra, afirmou, a disposición da xudicatura a adaptarse á realidade social do momento e achegarse á cidadanía.
Finalmente, Valentín González Formoso expresou o seu agradecemento ao CXPX “por seguir contando con esta casa” para desenvolver as súas accións formativas.
Tanto Rueda coma Guilarte coincidiron nas súas intervencións co presidente da Deputación en destacar como un motivo de satisfacción o acordo para que as Cortes designen aos novos vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial.