Formoso e Rueda establecen liñas de colaboración en materia social, educativa, industrial e de infraestruturas
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse esta mañá co seu homólogo da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na delegación que o goberno autonómico ten na Coruña. No encontro de traballo, no que tamén participaron a deputada provincial Yoya Neira e a delegada territorial da Xunta, Belén Docampo, Formoso e Rueda abordaron liñas de colaboración entre ambas institucións necesarias para atender as necesidades da provincia.
Así, na axenda da reunión estiveron presentes cuestións como a transferencia á administración autonómica, que ten as competencias en Educación, dos centros educativos que aínda xestiona a Deputación, as melloras do financiamento necesarias para atender o Servizo de Axuda no Fogar, que supón unha importante carga económica para os concellos da provincia, a racionalización do mapa de estradas, o canon da auga e a mellora das infraestruturas de saneamento e abastecemento no rural, a política industrial ou novas liñas de colaboración en materia cultural e de emerxencias.
Na súa comparecencia ante os medios tras a reunión, Formoso anunciou a creación dunha comisión técnica para avaliar a transferencia á Xunta dos centros educativos de secundaria e FP (IES Puga Ramón e IES Rosalía Mera, ambos na cidade herculina), que a Deputación xestiona aínda a día de hoxe na cidade herculina, pese a que as competencia en materia de Educación son da Xunta de Galicia.
“Este caso é único en Galicia e non ten xeito que sexa así. Acordamos poñer, este mesmo ano, as bases dun acordo que vai concretarse nunha comisión de traballo que analice a transferencia destes centros á Xunta sen prexudicar ao colectivo do profesorado e do alumnado”, expresou o presidente da Deputación. “É un avance importante”, recalcou Valentín González Formoso.
Ademais, o presidente da Deputación tamén pactou co presidente da Xunta crear outro grupo de traballo para avanzar na transferencia de infraestruturas viarias entre ambas administracións: “A Deputación ten máis de 2.200 quilómetros de vías na súa titularidade, a Xunta chega a 1.700 e o Estado apenas 500. Hai cousas sen sentido como ter pontes que unen dúas provincias: a metade é dunha Deputación e a outra parte, corresponde á outra Deputación”. Para Formoso, é preciso iniciar “unha fórmula de traballo que permita racionalizar a xestión destas infraestruturas”, aproveitando ademais que a Deputación vén de aprobar o seu primeiro Plan Estratéxico de Estradas, que contempla a planificación e modernización da rede viaria provincial cun investimento de 210 millóns de euros ata 2019.
Infrafinanciamento do SAF, un problema para as economías municipais
Por outra banda, Formoso expresou a Rueda a súa preocupación pola “infrafinanciamento” do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo cada vez máis demandado debido ao envellecemento da poboación e que afoga a moitas economías municipais. A Deputación financia este ano máis de 400.000 horas de SAF nos concellos da provincia e vén de incrementar de 12 a 14 €/hora a súa achega aos municipios.
“Temos que facer todos un esforzo porque é un servizo absolutamente esencial na protección social dos nosos maiores. Os concellos teñen dificultades para financiar este servizo debido aos incrementos exponencial dos custos”, sostivo o presidente da Deputación, que recalcou que ambas as dúas institucións “intentarán seguir aumentando os recursos destinados” a este servizo nesta lexislatura e “esixirán ao Estado que tamén o faga”.
Colaboración para impulsar os proxectos industriais da provincia
En materia de política industrial, o presidente da Deputación explicou que mantén unha “preocupación” compartida co seu homólogo do goberno galego con respecto a que “todos os proxectos industriais dos que se están a falar na provincia da Coruña sexan unha realidade canto antes”. Para iso “resulta imprescindible dar soporte ao que vai ser unha revolución enerxética en Europa, como é a aposta polo hidróxeno”.
“Estamos a falar dunha enerxía limpa que se está a implantar dun xeito máis rápido no norte de Europa ca no sur, a pesar de que o gran recurso para producila está aquí, en Galicia concretamente. Necesitamos ese soporte enerxético, que son principalmente os parques eólicos, para que ese hidróxeno, que é unha enerxía galega que non emite CO2 e que nos permitiría unha soberanía enerxética clara e ser produtores por fin dun combustible que necesitan Alemaña ou Francia para funcionar, teñamos a posibilidade de levalo a cabo”, sostivo Formoso.
Para iso, destacou, é preciso “axilizar e consensuar administrativamente os expedientes industriais”, xa que, como lembrou, “o sector industrial é o que mellor retribúe aos seus traballadores e o que máis talento recoñece e retén na sociedade galega”.
“Non podemos permitirnos noticias como que Amazon vai facer a maior inversión tecnolóxica, de 12.000 millóns de euros, en Aragón tendo bastante peores condicións industriais e loxísticas que Galicia. Temos que abordar esa cuestión de forma conxunta aqueles que temos a convicción de que o talento galego debe quedar en Galicia, que para iso temos centros públicos formando enxeñeiros e técnicos en FP Dual, algo que a data de hoxe non está a ocorrer”, matizou o mandatario da Deputación.
A xestión das infraestruturas de saneamento e abastecemento de auga e os impostos do canon adscritos a ela foi outro dos temas tratados nas conversas. Formoso destacou que é “unha necesidade a racionalización de sostemento das infraestruturas que teñen os concellos” e pediu que este financiamento para atender as necesidades dos municipios neste asunto debe chegar por parte de Augas de Galicia, aínda que explicou que entende que a Deputación tamén debe “aportar financeiramente falando”.
Colaboración en cultura e emerxencias
O presidente provincial avanzou tamén que se está moi preto de chegar á sinatura dun acordo entre o Concello de Santiago e o Consorcio de Bombeiros -compartido por Xunta e Deputación ao 50%- para a comarcalización do parque de bombeiros de Santiago, “un servizo que é máis que necesario en toda a comarca de Compostela para dar cobertura ás zonas de sombra que, a data de hoxe, aínda existen”. “É un sinal á sociedade de que os recursos públicos son finitos e que todos os esforzos de coordinación que fagamos de coordinación para optimizar e xestionar eses recursos son bos”, expresou Formoso, que tamén destacou que hai un acordo para facer o mesmo en Ferrolterra e que en breve comezarán as conversas na Coruña.
Valentín Formoso mostrouse tamén favorable a unha mellor coordinación de Xunta e Deputación no ámbito cultural. “Todas as deputacións teñen Rede Cultural propia coa limitación xeográfica da súa provincia. Isto significa que as entidades que nós financiamos, que son máis de 800, non poden realizar unha actuación fóra da nosa provincia con financiación da Deputación. Entendo que a Xunta queira pór en marcha esa coordinación para abrir a posibilidade ás miles de entidades culturais de actuar alén das fronteiras provinciais. A permeabilidade cultural construirá outro país. E ademais, é que as fronteiras administrativas non pode ser fronteiras culturais”, expresou.