Formoso e o alcalde de Miño visitan as obras das aceiras de San Xoán de Vilanova
Este mércores, 16 de abril, o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, acompañado do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitaron as recentemente terminadas obras das beirarrúas de San Xoán de Vilanova. Esta actuación, executada polo ente provincial en territorio miñense e que supera os 700.000 euros de investimento, está financiada con fondos do Plan Único provincial.
Os traballos afectaron o tramo desde o apeadeiro ata Andel, nas marxes da estrada que une Perbes e Campolongo. O obxectivo destas obras, que consistiron esencialmente na renovación das beirarrúas e das instalacións de saneamento, abastecemento e recollida de augas, é a mellora da seguridade viaria nunha zona peonil altamente transitada.
Vázquez Faraldo afirmou que estas obras “dan vida a toda esta zona de San Xoán de Vilanova” e agradeceu ao presidente da Deputación “ou apoio que sempre nos dá e ou compromiso que ten coas veciñas e veciños de Miño”.
Pola súa banda, Valentín Formoso, explicou que as obras supoñen a demolición das antigas beirarruas de baldosa hidraúlica, deterioradas polo paso do tempo e con importantes eivas en canto a seguridade e accesibilidade e a execución de “novas beirarrúas sen bordillo, a nivel da calzada e separada desta mediante un caz de formigón, na liña de sendas que executa a Deputación nas estradas provinciais e coas que se logra unha mellor accesibilidade e integración no medio”.
Formoso destacou que a rede provincial de estradas conta con máis de 380 quilómetros de beirarrúas e sendas penís e destacou que o proxecto “suporá unha importante mellora para a seguridade dos peóns nunha estrada que rexistra un intenso volume de tráfico”.
A continuación, desprazáronse ata Carantoña, onde puideron comprobar o resultado das obras de repavimentación de varios viais nesta parroquia, uns traballos tamén financiados co POS provincial.
Atención veciñal
Vázquez Faraldo e González Formoso visitaron a Asociación de Veciños Xarío, onde compartiron un tempo coas veciñas e veciños da zona, que lles trasladaron as súas impresións sobre a execución das beirarrúas e aproveitaron para solicitar outras melloras na súa parroquia.
Posteriormente,visitaron as melloras realizadas en distintos camiños rurais de Callobre, Bemantes e Carantoña, con cargo ao Plan Único da Deputación.