Fiz e Max Lombardero Corveiras soben ao podio na Liga Galega de Karate

A Pontenova volveu ter representación e protagonismo na Liga Galega de Karate. A primeira xornada da competición, celebrada o pasado domingo en Ferrol, deixou dous resultados destacados para os deportistas Max e Fiz Lombardero Corveiras, integrantes da Escola de Karate DAJANKAI de Lugo, que conseguiron subir ao podio nas súas respectivas categorías.
Fiz Lombardero Corveiras proclamouse campión en kumite iniciación infantil, facéndose coa medalla de ouro. Pola súa banda, Max Lombardero Corveiras completou a competición cun terceiro posto en kumite iniciación xuvenil, resultado que lle permitiu sumar un bronce.
O resultado de Fiz dá continuidade á súa boa traxectoria nas competicións autonómicas. O deportista pontenovés xa destacara na final da Liga Galega disputada en Cedeira, onde conseguira dúas medallas: ouro en kumite e bronce na modalidade de kata. Naquela ocasión tamén representara á Escola de Karate DAJANKAI de Lugo.
Agora, ambos os irmáns comezan unha nova participación na competición galega cun balance positivo, ao conseguir medallas xa nesta primeira xornada e volver situar o nome de A Pontenova entre os representantes destacados do karate autonómico.
Ademais, a Escola de Karate Dajankai de Lugo conseguiu catro ouros, tres pratas e dous bronces nas categorías de avanzados e iniciación. Entre os resultados máis destacados estivo o de Xián Souto Cortez, que se proclamou campión en kumite cadete masculino de menos de 63 quilos e conseguiu tamén a prata en kata cadete masculino avanzado. Sebastian Marc Pardo Haigh sumou dúas medallas máis, unha prata en kumite infantil masculino de menos de 30 quilos de iniciación e un bronce en kata infantil masculino avanzado.
Os outros tres ouros foron para Anastasia Sara Pardo Haigh, en kata benxamín feminino avanzado; Fiz Lombardero Corveiras, en kumite infantil masculino de menos de 35 quilos de iniciación; e Lucía Román Vázquez, en kumite xuvenil feminino de menos de 42 quilos de iniciación. Pola súa banda, Lorena Román Vázquez conseguiu a prata en kumite alevín feminino de menos de 32 quilos, mentres que Max Lombardero Corveiras acadou o bronce en kumite xuvenil masculino de menos de 45 quilos de iniciación.
Na modalidade de kata, Lorena Román e Noelia Álvarez quedaron fóra do podio, aínda que completaron boas actuacións en categorías moi disputadas. Desde o club destacan a súa progresión e o traballo realizado nos adestramentos.
Con estes resultados, o Dajankai situouse entre os dez primeiros clubs no medalleiro de avanzados, con dous ouros, dúas pratas e un bronce, e ocupou a cuarta posición no de iniciación, tamén con dous ouros, unha prata e un bronce.
O equipo contou ademais con Jana González, Yerai Román, Marta Martínez e Noelia Álvarez como responsables do acompañamento dos competidores. Desde a entidade agradeceron o esforzo dos deportistas e o apoio das familias e xa preparan a seguinte xornada da competición.