Finalizan os traballos de creación do mural dedicado á escritora Luísa Villalta no paseo marítimo da Coruña

ACoruñaXa
O mural, obra da autora Lidia Cao, foi promovido por Gadis en colaboración co Concello da Coruña
Imaxe do mural de Luísa Villalta na Coruña
29 Maio 2024

Remataron os traballos de creación do mural dedicado a Luísa Villalta, promovido polo Concello e Gadis, en homenaxe á escritora co gallo das Letras Galegas. A autora é Lidia Cao, unha das muralistas máis recoñecidas da actualidade e cuxas obras están espalladas por diferentes localidades galegas.

Trátase dunha peza de 5 metros de alto e 7 de ancho realizada con pintura plástica exterior. Nela represéntase unha composición de dúas imaxes da escritora. Unha sentada enriba dun montón de libros cun caravel na man da mesma cor que as páxinas dos libros, simbolizando a vertente crítica e política de Villalta. Co predominio do azul e o mar tanto no fondo como na vestimenta da escritora. Esta conxúgase cunha imaxe en primeiro plano de Luísa, no que se representan as súas faccións e mirada tan características e persoais da escitora. Unha particular interpretación desta artista galega con proxección nacional e internacional.

"Pintar este mural significou pintar un anaquiño da historia de Luísa, nun lugar privilexiado. Poder ter contacto coa propia familia foi moi enriquecedor. Que a súa irmá me comentara que tiña os ollos verdes foi revelador para poder representar algo que para min é moi importante como a mirada", sostén Lidia Cao, quen tamén incidiu en que "me gustou moito poder sentirme tan libre á hora de expoñer meu punto de vista artístico, o lugar escollido e todo o proceso".

A localización escollida por Gadis en colaboración do Concello da Coruña, está pensada para que milleiros de persoas poidan visualizar o mural nunha zona tan transitada como é o Paseo Marítimo.

0.099355936050415