Finalizan as primeiras estancias do programa Incrúst@te con alumnos da ESO e Bacharelato

ACoruñaXa
Os alumnos participantes puideron mergullarse no día a día do seu grupo de investigación da Universidade da Coruña durante varias xornadas
Eva López Martínez, estudante de primeiro de bacharelato no IES Monelos (A Coruña), realizou as súas prácticas xunto a Tamara Hermida e os investigadores do grupo GIR-S
3 Abr 2024

A UDC remata as primeiras estancias do programa Incrúst@te, do Centro Interdisciplinar da Química e Bioloxía da Universidade. Neste sentido, máis dunha quincena de alumnos e alumnas de 4º ESO, FP e Bacharelato despídense, por agora, dos laboratorios do CICA. Cada un deles puido mergullarse no día a día do seu grupo de investigación durante varias xornadas. Algúns alumnos mesmo se desprazaron desde Lugo para poder vivir esta experiencia, proba do interese que suscitou o proxecto.

Ata o momento, moi poucos estudantes puideron manexar elementos tan simples como microscopios. A práctica experimental resultaba completamente allea a eles, segundo comentaron algúns profesores, quen valoran moi positivamente a iniciativa.

Non obstante, moitos tiñan claro en que liñas de investigación ou áreas do coñecemento gustaríalles centrarse dentro das súas primeiras prácticas nun centro de investigación. No caso de Eva López, estudante de primeiro de Bacharelato no IES Monelos, trátase das novas terapias de rexeneración celular e a investigación en enfermidades reumáticas. Nalgúns casos, os alumnos destacan a importancia da investigación e o seu interese nos estudos superiores relacionados coa biomedicina debido a vivencias persoais, como a enfermidade dalgún familiar próximo.

A preocupación polo cambio climático e a eficiencia enerxética tamén son cuestións que preocupan á adolescencia, tal é o caso de Uxía Outeiro, do mesmo instituto que Eva, quen para quen destacou desde o primeiro momento o traballo realizado polo grupo de investigación UDCSolidos: "Pareceume que tiñan un obxectivo moi importante e un gran punto de vista para resolver un gran problema, como é a emisión de gases".

Para outros, a súa conexión coa ciencia vén desde as primeiras etapas da súa vida. Noelia Armesto estuda un FP superior no IES Lucus Augusti de Lugo. Con todo, sempre aproveitou calquera momento co seu avó para facer experimentos caseiros: "Gocei moito de todo o relacionado co ámbito científico grazas á miña nai, xa que sempre buscou agasallos nos cales tiña que facer experimentos adaptados á miña idade, cousa que me encantaba! Agora segue buscando formas de ensinarme a través destes procesos". Todos eles destacan que este proxecto podería axudarlles a tomar unha decisión sobre o seu futuro e dedicarse á investigación.

De momento, os alumnos traballan para desenvolver o seu póster científico coa axuda dos investigadores, o cal deberán presentar o próximo 27 de abril no "Congreso Científico inKrustado", que terá lugar no Museo DOMUS en presenza dun Tribunal. Catro deles poderán gozar dunha experiencia máis ampla, de dúas semanas, no CICA.

O proxecto Incrúst@te está cofinanciado polo CICA e pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación en concorrencia competitiva na convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación na categoría de proxectos singulares de arte, ciencia, tecnoloxía e sociedade.

 

0.15007996559143