Finalizan as obras do miradoiro da Praia de San Amaro

ACoruñaXa
A restauración da antiga estrutura industrial realizouse con criterios de sustentabilidade e reciclaxe dos materiais existentes
Imaxe do miradoiro de San Amaro
20 Sep 2024

O Concello da Coruña rematou os traballos de recuperación do miradoiro de San Amaro. A reforma súmase a outras actuacións postas en marcha polo Concello da Coruña para mellorar os espazos de lecer de carácter turístico, como a renovación do Miradoiro de Bens ou a creación do Miradoiro dos Castros e do Monte de San Pedro.

A antiga estrutura industrial xa pode ser utilizada de novo pola cidadanía. A obra supuxo un investimento próximo aos 20.000 euros financiados ao 90% con fondos Next Generation, no marco da liña de axudas concedidas por Turismo de Galicia para mellorar a accesibilidade e fomentar o turismo inclusivo no litoral.

"A recuperación desta estrutura singular realizouse conforme a criterios de reciclaxe, reutilización e xeración mínima de residuos, aproveitando e restaurando ao redor do 80% das táboas de madeira tropical orixinal do pavimento", explicou a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira.

O miradoiro de San Amaro é unha estrutura de formigón que no pasado serviu como base para un guindastre que retiraba pedra da canteira que existía nesa zona e que se usou en boa parte para a construción do dique de abrigo. Anos despois de perder a súa funcionalidade orixinal retiráronse as vías existentes, colocáronse varandas con pasamáns de madeira e transformouse nunha pasarela peonil sobre o mar desde o que se pode observar a Ría da Coruña e a Enseada de San Amaro. A exposición da pasarela ás condicións climáticas do litoral deteriorara tanto o pavimento como as varandas, que foron tamén restauradas.

Unha vez instalado, procedeuse á súa limpeza e aplicación dun tratamento especial para o aspecto e protección da madeira. Ademais colocarase un cartel divulgativo con información histórica da antiga canteira.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15772604942322