Finaliza en Miño a renovación da rede xeral de abastecemento de auga

ACoruñaXa
As obras permitiron substituír un tramo da rede xeral de abastecemento de auga que tiña máis de 40 anos de antigüidade
Miño -Sombreu
7 Feb 2024

A Deputación da Coruña deu por concluídas as obras de renovación da rede xeral de abastecemento de auga de Miño, unha actuación realizada no núcleo de Outeiro, en Sombreu, á que o ente provincial destinou 200.000 euros a través dun convenio co Concello.

Os traballos, que remataron a semana pasada coa finalización do reasfaltado, permitiron substituír un tramo da rede xeral de abastecemento de auga que tiña máis de 40 anos de antigüidade. Esta situación provocaba avarías puntuais e interrupcións da subministración, especialmente no verán, cando aumenta a demanda de auga.

As obras consistiron na muda da vella rede de tubos de fibrocemento por outros de fundición, ademais da renovación total do pavimento no núcleo de Outeiro.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, insistiu na continua aposta da Deputación por mellorar os servizos básicos nos diferentes municipios da provincia e destacou a importancia da obra, pois permite mellorar a subministración de auga dun núcleo tan importante como é Miño.

A alcaldesa de Miño en funcións, Catalina Morado, agradeceu a colaboración do organismo provincial e afirmou que "esta renovación mellora a calidade de vida dos veciños e veciñas do casco urbano, que sufrían os cortes de subministración da auga pola antigüidade da rede. E concretamente dos de Outeiro pola pavimentación do rueiro. Esta obra é unha mellora importante aos seus problemas".

0.17533707618713