Finaliza a reordenación do estacionamento nas rúas Regata Cutty Sark e Juan Sebastián Elcano no barrio de Durmideiras
O Concello da Coruña finalizou onte os traballos de sinalización horizontal necesarios para reordenar a área de estacionamento situada entre as rúas Regata Cutty Sark e Juan Sebastián Elcano, no barrio de Durmideiras.
Esta iniciativa lévase a cabo a instancia das solicitudes da veciñanza, co obxectivo de clarificar a dotación real de espazos de aparcamento neste enclave, onde o estacionamento de turismos é moi habitual tanto na tempada estival como na realización de eventos deportivos na contorna da Torre e o paseo marítimo.
Neste sentido, co pintado desta superficie, o Concello habilitou máis de 30 prazas para vehículos, unha intervención que aparellou, ademais, medidas para reforzar a seguridade viaria. Por exemplo, coa creación dun novo paso peonil na rúa Regata Cutty Sark, que dá acceso directo á área de estacionamento xa remodelada.
A maiores, o Concello reformulou o acceso ao hotel Eurostars Ciudad de La Coruña en sentido de chegada desde a rúa Regata Cutty Sark, delimitando con maior claridade o carril e sumando un sinal de stop para facilitar as viraxes cara á rúa Juan Sebastián Elcano, unha opción que ata agora non era posible.
Neste sentido, o Servizo municipal de Mobilidade tamén acometeu o pintado, en cor amarela, dos bordos nas curvas de acceso ao paseo dos Menhires, pechado ao tráfico rodado. Neste acceso, por cuestións de protección patrimonial tanto da Torre de Hércules como dos monumentos próximos, non está permitido estacionar vehículos.