Finaliza a renovación do pavimento da praza da Cormelana

ACoruñaXa
O goberno de Inés Rey deu resposta a unha petición veciñal que mellorou a seguridade das persoas viandantes
20250202_PVV_PRAZA_CORMELANA_002
2 Feb 2025

O Concello da Coruña finalizou as obras de mellora na praza da Cormelana, onde nas últimas semanas levouse a cabo a renovación do pavimento. En concreto, substituíronse as tarimas de madeira en distintas zonas da praza por un novo solo de lousas de pedra, un material máis duradeiro e resistente ás inclemencias do tempo.

Esta medida é similar á executada na praza de Santa Catalina o ano pasado, onde tamén se retiraron as antigas superficies de madeira, máis vulnerables ao deterioro pola chuvia e a humidade, e instaláronse lousas de granito gris. Deste xeito, o goberno de Inés Rey deu resposta a unha petición veciñal que mellorou a seguridade das persoas viandantes, apostando por materiais que reducen o risco de esvarar.

“Esta liña de traballo foi a que seguimos tamén na praza da Cormelana, xa que a problemática era moi similar á que había na praza de Santa Catalina en termos de seguridade peonil”, explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

A intervención, que recibiu o visto e prace da Comisión PEPRI antes de finais de ano, programouse para mediados de xaneiro co obxectivo de non interferir na actividade do sector hostaleiro da zona durante as festas do Nadal, un período de maior afluencia.

0.1753990650177