Final feliz tras a busca de Daoud, o mozo desaparecido en Vilasantar

A busca de Daoud B. C., o mozo de 17 anos desaparecido en Guillereu, na parroquia de San Vicente, rematou cun desenlace feliz. O rapaz apareceu san e salvo e xa se atopa coa súa familia, segundo confirmaron tras o operativo activado para tratar de dar co seu paradoiro.
Daoud foi localizado ás 6.30 horas deste martes na estrada entre Teixeiro e Sobrado dos Monxes, á altura das Cruces, por unha patrulla da Garda Civil de Curtis. A súa aparición permite pechar unhas horas de incerteza que mobilizaron tanto ás autoridades como á veciñanza de Vilasantar e doutros puntos da contorna.
A desaparición do menor coñeceuse este luns, despois de que se lle perdese a pista na madrugada do domingo ao luns. Segundo a información difundida na alerta inicial, o mozo saíra do seu domicilio en Guillereu tras regresar de madrugada e desde ese momento non volvera saberse del, o que levou a pedir colaboración cidadá para acelerar a súa localización.
Tras confirmarse o achado, agradeceuse expresamente a implicación da veciñanza, da Garda Civil, da Cruz Vermella, de Protección Civil e de todas as persoas que participaron na busca. O operativo péchase así cun final feliz para a familia e para o conxunto da comunidade, que se volcou desde o primeiro momento na difusión do aviso.