Fin a dúas honras do franquismo e cambio de rúas para aplicar a memoria democrática

Culleredo quere pechar unha parte do seu rueiro e dos seus recoñecementos públicos ligados ao franquismo. O goberno local levará ao pleno do 31 de marzo a retirada da condición de fillos adoptivos a Ricardo Catoira Garaboa e Diego Salas Pombo, así como o cambio de nome de dúas rúas do municipio, nunha decisión que o executivo encaixa no cumprimento da Lei de Memoria Democrática. A norma estatal considera contrarias á memoria democrática as referencias no rueiro e as mencións honoríficas que exalten a sublevación militar, a ditadura ou os seus responsables.
A proposta municipal pon o foco en dous perfís estreitamente vinculados ao réxime. No caso de Ricardo Catoira, a xustiza xa o situou na contorna máis próxima de Franco ao recoller na sentenza do Pazo de Meirás a súa relación directa co ditador e o seu papel dentro da estrutura da Casa Civil. Diego Salas, pola súa banda, ocupou cargos destacados dentro do aparello falanxista e foi procurador nas Cortes franquistas, unha traxectoria que agora o Concello entende incompatible coa permanencia dese recoñecemento honorífico.
A revisión afectará tamén ao rueiro. A rúa Sanjurjo de Carricarte, en O Burgo, pasaría a chamarse Párroco José Ferreiro, atendendo así unha petición veciñal impulsada hai tempo pola asociación O Noso Burgo para lembrar o antigo cura da parroquia. En Liñares, a actual rúa Alcalde Narciso Pardo cambiaría a rúa Tolerancia, nun xesto co que o executivo local quere substituír unha referencia asociada ao franquismo por outra ligada aos valores democráticos.
A iniciativa encaixa, ademais, nun contexto no que a memoria democrática gañou peso tamén na vida pública de Culleredo. O pasado verán, o Concello acolleu o acto de homenaxe e entrega ás familias dos restos de José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto, dous veciños da parroquia de Almeiras, membros da guerrilla antifranquista asasinados en 1952. A retirada destes nomes e honras prolonga agora esa mesma liña de reparación simbólica e revisión do pasado.