Fefriga clausura a VIII Escola de Futuros Gandeiros e distingue as mellores gandarías galegas de 2026

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa
Preto de trinta mozos e mozas participaron na iniciativa formativa desenvolvida en Lalín, mentres que varias explotacións lucenses volveron situarse entre as máis destacadas de Galicia
entega-distincions-xovenes-gandeiros-fefriga
26 Jul 2026

A Federación Frisona Galega (Fefriga) puxo o peche á oitava edición da Escola de Iniciación de Futur@s Gandeir@s, unha iniciativa organizada polo Club de Xóvenes Gandeiros co obxectivo de fomentar a formación e o relevo xeracional no sector gandeiro. A actividade, que contou por terceiro ano consecutivo coa colaboración da cooperativa láctea Clun, reuniu durante toda a semana a preto de trinta participantes de entre 9 e 25 anos na Finca Mouriscade, en Lalín.

Ao longo de cinco días, os asistentes recibiron formación práctica sobre o manexo do gando, coñeceron técnicas propias das explotacións leiteiras e afondaron nos coñecementos necesarios para desenvolver a súa actividade no medio rural. A escola pretende espertar o interese das novas xeracións por un sector considerado estratéxico para Galicia e ofrecerlles unha primeira toma de contacto coa realidade das explotacións gandeiras.

A formación non remata coa clausura do campamento, xa que os participantes poderán seguir vinculados ás actividades do Club de Xóvenes Gandeiros ao longo do ano, participando nos concursos e eventos que se celebran en distintas feiras gandeiras de Galicia.

Coincidindo coa clausura da escola, Fefriga fixo entrega das Distincións Honoríficas 2026, uns galardóns cos que recoñece o traballo, a profesionalidade e a mellora continua das explotacións e dos exemplares máis destacados do último ano.

Na categoría de Mellores Explotacións por Produción, o primeiro posto foi, por sétimo ano consecutivo, para Gandería Rodasinde S.C., do Saviñao, seguida de Casa do Rego, de Láncara, e Gandeiría Fondón, de Ribadeo, confirmando o protagonismo das explotacións lucenses nesta clasificación.

No apartado de Cualificación Morfolóxica, os recoñecementos foron para Mantoño Holstein, de Barreiros; Baixo Holstein, de Sarria; e Finca La Asunción, de Touro.

Pola súa banda, na clasificación do Índice ICO, o primeiro posto correspondeu a SAT Agosto Darriba, da Pastoriza, seguida de G.B Gandería, de Lalín, e Landeira Sociedade Cooperativa Galega, de Negreira.

As distincións ás Producións Vitalicias recaeron nas vacas SAT Varela Trigger 780, da explotación Varela Labrada, en Lugo; Perlita, de Gandería Vieites García, na Coruña; e Grille Amsterdam 277, de Grille Sociedade Cooperativa Galega.

Na categoría de Mellores Vacas Produtoras foron premiadas Bermui Montross 277, de Finca Bermui; Rodasinde Brass 639 7364, de Gandería Rodasinde; e Lodos Apprentice Tesla, de SAT Lodos e Pérez.

Finalmente, no apartado de Mellores Primerizas, os galardóns recaeron en Ferreiro Sochi 4176 e Ferreiro Sochi 4179, ambas de Explotacións Ferreiro, en Lugo, e en Os Loureiros Arancha Gopro, de Gandería Os Loureiros, na Coruña.

Coa celebración desta nova edición, Fefriga consolida unha iniciativa orientada a garantir o relevo xeracional e a promover a excelencia no sector leiteiro galego, combinando formación para as novas xeracións co recoñecemento ás explotacións que destacan polos seus resultados produtivos e pola calidade do seu traballo.

0.13006401062012