Facultade de Informática celebra esta semana a V Feira de Prácticas
A Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña acollerá dende mañá e ata o próximo xoves, 25 de abril, a V Feira de Prácticas e de Emprego (FePEfic) dirixida a todo o alumnado de Informática. Esta cita, organizada pola FIC da UDC, en colaboración coa Fundación da Universidade da Coruña (FUAC) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), ten como obxectivo tender pontes entre as empresas do sector TIC e o alumnado de grao e máster da FIC interesado en realizar prácticas en empresas ou en introducirse no mercado laboral.
A V Feira de Prácticas e de Emprego do sector TIC desenvolverase en horario de 9.30 a 14.00 horas.
Nesta edición estarán presentes un total de 26 empresas TIC, polo que o alumnado asistente terá a oportunidade de coñecer de primeira man algúns dos proxectos e iniciativas que están a desenvolverse no ecosistema empresarial. Durante tres días serán varias as iniciativas que se levarán a cabo, mesas redondas, presentacións e outras accións de posta en común entre alumnado e empresas, que terán lugar nos diferentes stands que compoñen esta feira, que chega á súa V edición.
Desde a FIC, a súa vicedecana de Relacións Institucionais, Paula Castro, destaca “o interese do alumnado por este evento que, cada ano, atrae a un maior número de estudantes coa finalidade de coñecer en primeira persoa as oportunidades laborais e prepararse para os futuros procesos de selección. Todo iso coa vantaxe de contactar directamente coas empresas, sen ter que desprazarse da súa facultade”. Por iso, “agradecemos a participación das case 30 empresas do sector TIC que asisten este ano á feira, e que ademais colaborarán no programa de prácticas do centro do próximo curso académico”.
Empresas participantes
As entidades que estarán presentes na presente edición da FePEfic son: Abanca, Aldaba, Altia, Avansig, Balidea, Cinfo, DataSpartan, Denodo, Enxenio, GBTEC, HPE CDS, Imatia, Inditex Tech, Innogando, Inycom, Itg, Merlin Software, Minsait, Navantia, NTT Data, Nunegal Consulting, Possible, QindelGroup, Sngular, Torusware e Trileuco.
Premio ao mellor Traballo Fin de Grao aplicado
Na última xornada da Feira, terá lugar tamén a entrega de premio ao mellor TFG aplicado da FIC, dotado con 1.500 euros. Un galardón dirixido a apoiar os mellores traballos realizados, e que está patrocinado pola Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, a Cátedra CICAS (Cátedra polo Impulso da Ciencia Aberta a través do Software, de Sngular) e a Cátedra NTT Data en Diversidade e Tecnoloxía.