Expocoruña celebra do 7 ao 9 de abril o Galicia Fórum Gastronómico
O Galicia Fórum Gastronómico, o maior evento gastronómico profesional do norte de España, ten xa todo a punto para abrir ao público e mostrar todas as novidades do sector o vindeir domingo. Será do 7 ao 9 de abril en Expocoruña, apostando unha edición máis por contribuír á consolidación do territorio galego como líder indiscutible da vangarda gastronómica nacional, e renovando o seu compromiso coa formación e o networking.
As entradas poden adquirirse a través da web do evento, ao prezo de 10 euros para os que queiran visitala o domingo día 7 (entrada de uso exclusivo para esa xornada), e de 20 euros o resto dos días, podendo adquirirse un bono especial para os 3 días a 40 euros. Estas entradas permiten o acceso ao recinto feiral e a todas as actividades, a condición de que haxa prazas dispoñibles, xa que o acceso é por orde de chegada. Para os talleres con degustación, Cocktail Bar Forum e Wine Circus pódese realizar tamén unha reserva previa de praza cun custo de 5 euros (non reembolsable), e que garante asento ata 10 minutos antes do inicio da actividade.
O Fórum Gastronómico, que este ano terá a despensa Atlántica como eixo temático, volverá contar nesta edición, ademais do recinto feiral e a área de networking, con varios espazos nos que se ofrecerán espectáculos de gastronomía en directo, sesións de cociña con degustación, mesas redondas e debates de temas de actualidade, exposición de produtos, e talleres de formación e catas de cervexa de Estrella Galicia, principal patrocinador do Fórum; sen esquecer o Cook Trends by Cash Record, o espazo de restauración para os visitantes con propostas gastronómicas para todos os gustos, sempre baseándose na calidade do produto, a cargo de representantes dos cinco colectivos de cociña de Galicia.
Así mesmo, nesta edición tamén volverán entregarse os Premios Picadillo, e volverán celebrarse novas edicións do certame Cociñeiro Galego 2024, patrocinado por Gadis; do Concurso de Pulpeiras e da Batalla de Sumilleres, e como gran novidade, por primeira vez terá lugar o I Concurso de Empanadas de Galicia, ademais de recuperarse o Fórum Doce con varios talleres, entre eles o de Lluc Crusellas (Eukarya) World Chocolate Master 2022.
Doutra banda, onte, domingo 31 de marzo, rematou a votación para o Premio Cociñeiro Galego 2024, patrocinado por Gadis, recoñece o labor dos cociñeiros emerxentes que utilizan produto de proximidade, teñen sensibilidade con producións ecolóxicas; colaboran conxuntamente con produtores locais e fan difusión deste tipo de valores. Os finalistas nesta edición son Alberte Gutiérrez; Begoña Vázquez; Víctor Conus; Alba Aguiar e Álex Falcón; Fernando Rodríguez e Eva Guzmán.
O gañador ou gañadora do concurso elixirase sumando as votacións do público, a través da web, e o voto do xurado profesional, nunha porcentaxe de 50/50% respectivamente. Ademais, entre as persoas que emitan o seu voto sortearase unha comida para dúas persoas en cada un dos restaurantes nomeados.