Éxito da primeira Festa do Bacallau de Vilasantar

ACoruñaXa
Máis de 240 persoas acoden á primeira edición da Festa do Bacallau de Vilasantar na que repartiron máis de 150 quilogramos deste peixe nun menú degustación
Imaxe da Festa do Bacallau de Vilasantar
28 Abr 2024

O Concello de Vilasantar recibiu a máis de 240 comensais para catar o exquisito menú degustación da primeira edición da festa gastronómica do bacallau. Así pois, entre a empanada, a ensalada de bacallau mariñado e o bacallau ao forno, repartíronse máis de 150 quilogramos deste peixe, subministrados pola empresa local Bacalaos Boado.

Seguindo coa promoción das iniciativas de proximidade, a sobremesa, unha torta larpeira, foi elaborada pola asociación Raíña Paraíso, sita na escola ecolóxica de Vilasantar. A maiores e para contentar a todos os padais, tamén se ofertou un servizo de polbeiros e un posto de bocadillos.
O alcalde de Vilasantar, Fernando Fernández Pérez, celebrou a boa acollida desta festa, “unha xornada para que a veciñanza se xunte ao redor dunha mesa a desfrutar dun produto da máxima calidade”, confiando en que sexa a primeira edición de moitas.

Festa da Xuventude

Xa pola tarde, rematado o xantar protagonizado polo produto das illas Feroe, comezou a segunda celebración da xornada; a Festa da Xuventude. Neste sentido, trátase tamén da primeira edición, un evento aberto a todas as idades, pero que pretende outorgar visibilidade á mocidade, unha franxa de idade ás veces esquecida no rural. “É moi importante adicar recursos e espazos para a infancia e as persoas maiores, pero tamén é un orgullo dedicar unha festa á xuventude en Vilasantar”, asegurou Claudia Marques, concelleira vilasantaresa.

Como non podía ser doutro xeito, todo o día estivo acompañado de música e troula. Así pois, a veciñanza bailou ao ritmo do Dúo Reflejos e a discoteca móbil Chocolate, para rematar coa actuación estrela da París de Noia.

0.20121598243713