Estudantes de Informática da UDC compiten na final do Challenge Universitario da Fundación Repsol

ACoruñaXa
Os estudantes da Universidade da Coruña, que compiten como equipo E-ways, acadaron a final no reto 1, dedicado a 'Cidades sostibles e descarbonizadas', co proxecto denominado 'Unha nova luz: sensores de presenza para o alumeamento, luces led e pavimento cinético'
Imaxe dos alumnos da UDC que compiten en Madrid (de esquerda a dereita Bruno Bouza, Pablo Teijeiro, Raúl Meijide e Javier Nogueira)
8 Mar 2024
Na final do Challenge Universitario organizado pola Fundación Repsol en Madrid, que se celebra entre este venres e o sábado participan os estudantes da Universidade da Coruña, Bruno Bouza Fernández, Raúl Meijide Couto, Javier Nogueira Beira e Pablo Teijeiro Torrón. Estes mozos forman parte do segundo curso do Grao en Enxeñería da Facultade de Informática da UDC (FIC). A competición, que dura 48 horas, pon a proba o talento dos estudantes para resolver un reto traballando en equipo.

Dentro da proposta dos catro alumnos da FIC proponse a realización de catro accións para abordar o reto de cidades sostibles e descarbonizadas:

-Instalación de detectores de presenza de vehículos na vía para nivelar a intensidade das farolas en ausencia de tráfico.

-Modernización do alumeamento, garantindo ademais o seu mantemento periódico.

-Reutilización e produción de enerxía pasiva, a través de pavimentos cinexéticos en resaltos, pasos de cebra elevados ou as propias calzadas.

-Optimización e redución de tráfico, a través do uso dos sensores do alumeamento público e de implementación dunha Intelixencia Artificial ou un algoritmo encargado de rexistrar e xestionar o tráfico e o tempo dos semáforos para optimizar o tempo medio dun vehículo parado na calzada, e reducir as súas emisións de CO2.

0.19311785697937