Estudantes da UDC comezan a súa estadía de cooperación en distintos países do Sur do continente americano
Sete estudantes da UDC comezan estes días a súa estadía de cooperación en distintos países do Sur de América. Fano acolléndose ás bolsas PCR (Proxectos de Coñecemento da Realidade), unha iniciativa grazas á que o alumnado da Universidade da Coruña ten a posibilidade de desprazarse a un país en vías de desenvolvemento para realizar unha cooperación durante un período de 1 a 3 meses. O traballo realizado pode ser validado con proxectos de fin de carreira, prácticas de materias ou traballos obrigatorios de fin de estudos.
Así, na edición deste ano, participan sete estudantes de diferentes titulacións da UDC, que se están a incorporar paulatinamente aos proxectos sobre o terreo en catro países: Honduras, El Salvador, Guatemala e Bolivia. Para isto, contan co apoio das entidades vinculadas a eses programas, que nesta ocasión son: ACOES, Axuda en Acción, ESF e Solidariedade Internacional de Galicia.
3 proxectos en Honduras
Cristina Carreira Menéndez, estudante de Educación Social e técnica en Animación Sociocultural e Turística, viaxará a Honduras coa ONG Solidariedade Internacional de Galicia, da man de Sur en Acción. Alí colaborará nunha iniciativa para impulsar formas de vida resilientes que contribúan ao benestar de 25 comunidades rurais do municipio de San Marcos de Colón, no departamento de Choluteca. Esta proposta, a través dun enfoque integral de seguridade alimentaria e nutricional, pretende ofrecer estratexias e solucións que permitan incrementar de maneira progresiva que as comunidades poidan ser quen de gozar dos seus dereitos e da saúde alimentaria. Un proxecto no que tamén cooperará Ana Rodríguez Pérez, estudante do Mestrado en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria, neste caso baixo a perspectiva de defensa dos dereitos con perspectiva de xénero.
Pola súa banda, neste mesmo país, Sandra Lorenzo Casado, traballadora social e actualmente alumna do Máster de Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria, estará no sur de Honduras, da man de Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia (ESF). Centrarase no proxecto Mulleres Bravas, no que tamén participa Amigas da Terra, de empoderamento en revalorización dos saberes e resistencias das mulleres defensoras do territorio.
O Salvador
Da man de Axuda en Acción, a estudante de Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria, Victoria Reinoso, viaxará ao Salvador para traballar nun programa dirixido á prevención das violencias contra a infancia e a protección dos seus dereitos humanos en contextos de risco. Porase especial énfase na prevención da violencia sexual e os embarazos en nenas e adolescentes para fortalecer o sistema de protección da infancia e a adolescencia.
Guatemala
Xunto á ONG Solidariedade Internacional de Galicia, Eloi Fernández Ramos, estudante do Máster Universitario en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, FP e Ensino de Idiomas, dará apoio a un proxecto que aborda o dereito das mulleres maias de Guatemala a unha vida libre de violencias. Para isto, xéranse e difúndense recursos para un adecuado acompañamento a mulleres maias sobreviventes de violencia, con pertinencia cultural, e fortalécense organizacións locais que traballan en defensa e promoción dos Dereitos Humanos. Búscase, así mesmo, facer máis fortes liderados comunitarios para impulsar unha vida libre de violencia, mediante a formación de terapeutas sociais que traballen por transformar a sociedade ao realizar acompañamentos para deconstruír a violencia arraigada na sociedade.
Bolivia
No país andino estará Isabel María Martínez Carrillo, actualmente estudante do Mestrado en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria, ademais de traballadora social. En apoio a Solidariedade Internacional de Galicia en Bolivia, traballará na eliminación das barreiras de acceso aos dereitos e a corrixir baleiros na protección das mulleres; nenas e adolescentes do maior eixo poboacional de Bolivia.
Proxectos de cooperación ao desenvolvemento
Por outra banda, este ano tamén no eido da cooperación, dúas docentes da UDC participan no Programa de Coñecemento de Cooperación ao Desenvolvemento (PCC), a través do que poden realizar estadías en programas de países do Sur para desenvolver iniciativas directamente relacionadas co posto que desempeñan na UDC.
Nun caso, a experiencia foi durante o mes de maio en Cabo Verde, a través da ONG Ecos do Sur, no que a profesora Antía Pérez, participou co proxecto Mulleres á fronte desde o Sur Global. Investigación e intervención participativa en materia de desenvolvemento e igualdade a través da música. Trátase dunha investigación aplicada en materia de cooperación ao desenvolvemento que pon o foco nas mulleres vinculadas coa música e outras artes escénicas, con base na potencialidade das artes en canto ferramentas de intervención para a transformación social.
A segunda das experiencias, comezará a próxima semana en Senegal, a onde viaxará Sandra Martínez Costa, en colaboración coa ONG África Sawabona co proxecto Misión Sanitaria País Bassari 2024. O obxectivo é colaborar con África Sawabona, participando na gravación de planos das actividades que realiza alí a ONG e facendo rexistro escrito e audiovisual de testemuñas que se empregarán na comunicación na web e nas redes sociais da asociación. Ese material será tamén útil en memorias anuais ou actos e eventos promocionais (fotografías, entrevistas, vídeo-reportaxes, etc.).