Estrean en Vilaboa de Culleredo a praza Sagrada Familia tras a súa remodelación

ACoruñaXa
O goberno municipal investiu 613.000 euros na mellora da accesibilidade, seguridade e servizos do espazo
PRAZA-SAGRADA-FAMILIA-CULLEREDO
28 Nov 2026

A transformación integral que está acometendo o Concello de Culleredo en Vilaboa xa ten un paso máis dado na parte sur do núcleo. A praza de Sagrada Familia, a máis grande desta zona, abre cun novo aspecto e funcionalidade tras as obras de modernización completadas polo goberno local.

O investimento ascendeu a 613.962,65 euros, cofinanciados pola Deputación da Coruña. A intervención supón un «cambio radical» na praza, «sobre todo no que respecta á accesibilidade e seguridade», apunta o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo.

A nova praza está configurada en plataforma única, favorecendo a mobilidade peonil e dando continuidade ao espazo desde os portais dos edificios lindeiros. Esta decisión deixa atrás a estrutura que había ata agora, na que a praza estaba rodeada polos catro lados por calzada.

Esta apertura da praza aos veciños implicou o traslado do parque infantil á zona interior, máis protexida ao estar situada lonxe da avenida de Vilaboa. O parque é cuberto, para permitir o seu uso con independencia da chuvia, unha medida xa executada polo Concello noutros puntos, e conta con firme de caucho e novos xogos.

A praza ten un novo pavimento, de granito nas zonas peonís, que proporciona unha nova estética á contorna. O espazo compartido cos vehículos é de formigón e conta cunha limitación de 20 km/h. Tamén se aumentan as prazas de aparcadoiro.

O recinto dispón de novas árbores plantadas, que irán gañando porte, e arbustos, que servirán para protexer as persoas usuarias da estrada. O Concello instalou así mesmo novo mobiliario urbano.

«A reforma urbana de Vilaboa está avanzando sen descanso nos últimos catro anos», sinala Rioboo, que lembra que en breve se completará a terceira fase de renovación da avenida principal, desde a AP-9 ata a rúa Luis Seoane. O rexedor destaca que proximamente se iniciarán as obras na segunda fase de Domingo Sierra, outra das vías principais de Vilaboa.

O Concello prepara outro proxecto para a rehabilitación das rúas interiores da contorna de Sagrada Familia. Algunhas presentan deterioración no firme, polo que o rexedor subliña que serán renovadas.

«É indiscutible que estamos mudando por completo a imaxe e os servizos de Vilaboa, favorecendo a súa revalorización como lugar para vivir con benestar», resume Rioboo.

0.49262309074402