Este xoves o Fórum Metropolitano da Coruña inicia un 2025 de cinema de calidade
O Fórum Metropolitano de A Coruña abrirá este xoves a súa programación cinematográfica de 2025 cunha oferta variada e de gran interese cultural. O público poderá gozar dos ciclos ‘Docs do mes’, ‘Estreas en VO’ e unha retrospectiva do recoñecido cineasta grego Giórgos Lánthimos. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que “o Goberno de Inés Rey quere seguir fortalecendo a programación cinematográfica do Fórum neste novo ano con películas e documentais de enorme calidade artística”.
As entradas para asistir ás sesións estarán dispoñibles a partir deste mércores en Ataquilla, no despacho de billetes da praza de Ourense en horario habitual e no propio Fórum media hora antes de cada proxección. Os prezos son accesibles: 3 euros o billete normal, 2 euros para colectivos bonificados (Carné Xove, maiores de 65 anos e desempregados) e 1,5 euros para as sesións dos sábados ás 17.30 horas.
A programación arrinca este xoves ás 20.00 horas coa proxección de ‘Casa Reynal’, de Laia Manresa Casals, no ciclo ‘Docs do mes’, na Sala Marilyn Monroe, mentres que na Sala Fernando Rey estrearase ‘Godland’, de Hlynur Pálmasson, dentro do ciclo ‘Estreas en VO’. O venres será a quenda de ‘Kynodontas (Canino)’, de Giórgos Lánthimos, que inaugurará o ciclo ‘Universo Lánthimos’.
As vindeiras semanas, a oferta completarase con títulos como ‘Alpeis (Alps)’ e ‘Kinetta’, de Lánthimos, ademais de outras estreas en versión orixinal como ‘The Unlikely Pilgrimage of Harold Fry (A viaxe de Harold)’, de Hettie Macdonald, e ‘Please Stand By (Longa vida e prosperidade)’, de Ben Lewin.