Este venres volve á Coruña o Concurso de Tapas Picadillo con 52 propostas únicas
Do 22 de novembro ao 1 de decembro, A Coruña acollerá a XX edición do Concurso de Tapas Picadillo, que este ano contará con 52 creacións únicas elaboradas por 44 establecementos locais. A cita coincide co 150 aniversario do nacemento de Manuel María Puga y Parga, Picadillo, un nome destacado da cultura e a gastronomía galega.
Durante a presentación oficial, a alcaldesa Inés Rey destacou que o certame promove A Coruña como un destino gastronómico de referencia, ao tempo que dinamiza o sector hostaleiro e potencia a tradición do tapeo como un acto social e cultural.
Diversidade de tapas
Nesta edición haberá dúas categorías:
- Tapa Creativa, coa aplicación de técnicas culinarias innovadoras.
- Tapa Receitario Picadillo, inspirada no libro La cocina práctica, do homenaxeado.
As tapas, con prezos entre 3 e 4 euros, estarán elaboradas de xeito artesanal e con produtos de proximidade. Do total de 52, haberá 19 aptas para persoas celíacas e 7 para veganas.
Premios e homenaxes
O concurso premiará a Mellor Tapa Creativa, a Mellor Tapa Receitario Picadillo e a Mellor Tapa por Votación Popular. Ademais, este xoves 21 de novembro, celebrarase unha cea homenaxe a Picadillo na Taberna Triay, cun menú de tapas maridadas con cervexas 1906 de Estrella Galicia.
Locais participantes
Os 44 establecementos participantes son: Mahara Taberna Rock, La Esquina de Valentina, Taberna Triay, La Parda, A Fuego Lento, Áncora, Cervecería O Cribo, The Breen's Tavern, Restaurante Mesón de Herves, Cosecha 81, La Bonita, Fábula Café, La Dolce, Bar Quintela, AMA Italiana Contemporánea, Mesón Moncho, Bodega Órdenes, La Cuchara Veggie, Mesón Barrera, La Tabarra Coruña, Yebra Gastrobar, Miña Nai, Golosía, Mora’s Bar, A Parva, MALTE Galera, MALTE Atochas, O DeZasete, El Corralón, Restaurante La Conquista, Chifán, Niño Rey, Buenasuegra, Taberna O Freixo, Tintos & Rubias Gastrobar, Parrillada Lembranzas, La Tribu, La Sifonería Gastrobar, Central Park, Roots, Gastrobar Pérez, El 46, Bar Ciudad e Restaurante Intenso.