Este venres o Bravú celebra 30 anos no Colón coa proxección do seu documental
Este venres, o Teatro Colón da Coruña será o escenario de BRAVÚ XXX, un evento que conmemora os trinta anos dun xénero musical que marcou unha época en Galicia e que ten fortes raíces na cidade herculina. O acto, promovido polo Gobero local, busca destacar o papel da Coruña como precursora e referente do movemento bravú, un estilo que revolucionou a música en galego.
A celebración comezará ás 21:00 horas, con entrada libre ata completar a capacidade. O público poderá gozar da proxección do documental Bravú XXX, protagonizado por Xurxo Souto, líder de Os Diplomáticos de Monte Alto e figura clave do bravú. Este filme, producido por Nós Televisión coa colaboración do Concello, mergúllase na historia e no impacto cultural deste movemento trinta anos despois do seu nacemento.
Tras a proxección, a Orquestra Bravú Xangai ofrecerá unha actuación en directo cargada de sorpresas. Ao escenario subirán artistas como Sés, Xosé Manuel Pereiro, Gabi dos Vacalouras, Richi dos Rastreros, Benxa dos Impresentables ou Rafa do Caimán do Río Tea, entre outros. Será unha noite irrepetible para celebrar o bravú e a súa pegada na cultura galega.
“Queremos poñer en valor un estilo musical do que a Coruña foi precursora e que continúa a inspirar novas xeracións”, subliñou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, destacando a importancia deste movemento na historia musical da cidade.