Este venres continúan as comparecencias sobre a fachada marítima coa de AUSPORT

ACoruñaXa
Fernando Vidal e Francisco Peleteiro, representantes de AUSPORT, achegarán as súas propostas para o redeseño da fronte litoral de A Coruña
Imaxe do Pazo de María Pita (Casa do Concello) na Coruña
7 Nov 2024

Este venres, ás 10 da mañá, o presidente e o secretario xeral da Asociación de Usuarios do Porto da Coruña (AUSPORT), Fernando Vidal e Francisco Peleteiro, comparecerán ante a Comisión Especial da Fachada Marítima de A Coruña, que está presidida polo portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera. O acto terá lugar no salón vermello do Pazo de María Pita.

As comparecencias nesta comisión, que ten como obxectivo estudar e redeseñar a fronte litoral da cidade, continúan a serie de intervencións que xa incluíron a figuras clave como Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria, e outros expertos en urbanismo, medio ambiente e intereses cívicos.

Francisco Jorquera destacou a importancia das achegas de diferentes sectores sociais e profesionais, subliñando que "todas estas intervencións están a achegar unha visión diversa e necesaria para construír unha fachada marítima que sexa un proxecto de cidade, nacido do debate social".

Nos vindeiros días, a comisión recibirá tamén as achegas de Miguel Alberto Abelleira Doldán, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC, Ruth Varela do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, e Pilar Parra, da dirección de Portos do Estado.

0.21256685256958