Este sábado comeza a funcionar a zona ORA nas inmediacións das praias de Oleiros
O Concello de Oleiros informa de que este sábado día 1 de xuño comeza a funcionar o sistema de cobro por estacionamento nalgúns aparcadoiros das inmediacións das praias de Santa Cristina, Bastiagueiro, Santa Cruz, Naval e Mera.
A ORA estará activa durante toda a tempada de verán, ata o 15 de setembro, de luns a domingo, en horario de 12.00 a 20.00 horas. A tarifa parte dos 50 céntimos que posibilita estacionar unha hora, ata os 5 euros que permiten deixar o vehículo durante todo o día. Tamén hai tramos intermedios, como o de 3 euros, para aparcar durante 4 horas.
Coa ORA redúcese o uso de vehículo privado e axilízase o aparcamento en zonas de praia que teñen unha grande intensidade de uso, especialmente as fins de semana ou en horario de tarde con bo tempo. Este sistema constitúe unha forma de ordenación dun espazo público nunha zona turística cando máis preciso é, no caso de Oleiros, no verán; onde a escaseza de solo dispoñible con destino a aparcadoiro e o aumento do parque automobilístico determinan a necesidade de facer unha distribución racional e equitativa dos estacionamentos entre todas as persoas usuarias.
A tecnoloxía coa que están dotados os parquímetros permite o pagamento mediante tarxeta ou teléfono móbil. Tamén é posible utilizar a aplicación easypark. A identificación por matrícula non fai necesario a colocación do resgardo no parabrisas e posibilita a anulación das denuncias de xeito rápido e seguro.