Este mércores comezan as obras na rúa San Andrés entre Santa Catalina e a rúa Sol

ACoruñaXa
Os traballos suporán o corte do tráfico rodado neste sector e o traslado das paradas de autobús. Manteranse, iso si, os percorridos destinados ao tránsito peonil e tamén o acceso ás garaxes da zona
Imaxe da rúa San Andrés na Coruña
2 Abr 2024

O Concello da Coruña activará este mércores 3 de abril a nova fase das obras de reurbanización da rúa San Andrés, que se centrará no treito comprendido entre Santa Catalina e a rúa Sol. Nesta nova fase, e co obxectivo de facilitar o desenvolvemento dos traballos, xa se farán efectivos os primeiros cortes do tráfico rodado.

En primeiro lugar, no sector oeste estará prohibida a circulación de vehículos en sentido cara á praza de Pontevedra, mais poderase seguir circulando en sentido á rúa Sol ata Santa Catalina; onde se deberá xirar para incorporarse ao Cantón Grande.

Mentres que no sector leste, entre Santa Catalina e a rúa Sol, cortarase o tráfico rodado en ambos os dous sentidos de circulación. Manteranse, iso si, os percorridos específicos para o tránsito peonil e tamén se habilitará o acceso aos garaxes situados ao longo deste treito. Delimitaranse, ademais, espazos específicos para a carga e descarga de mercadorías, que se relocalizarán en rúas como Marqués de Pontejos ou o cruzamento coa rúa Torreiro.

Cómpre lembrar que na primeira fase da intervención, que rematou na antesala da Semana Santa, leváronse a cabo traballos preliminares de topografía e localización de servizos, e tamén se aproveitou para acometer a reposición da rede de augas residuais ao longo da rúa, unha actuación en materia de infraestruturas que se executou nesta primeira quenda coa finalidade de non obstaculizar o avance das obras posteriores.

En paralelo, as obras de mellora entre as rúas Pórtico de San Andrés e Torreiro

O proxecto de reurbanización en San Andrés (redactado por Eptisa, que tamén ostenta a dirección de obra) contempla unha actuación complementaria, que acometerá nesta nova fase o Concello no treito comprendido entre as rúas Pórtico e Torreiro, un enclave onde é habitual o tráfico rodado correspondente ao transporte público e vehículos de carga.

Este treito, onde a calzada e as beirarrúas xa estaban dispostas en forma de plataforma única, será renovado e mellorado para que siga a mesma estética da futura rúa San Andrés, cun pavimento feito a base de formigón desactivado.

A intervención tamén se estenderá ao treito da rúa Sol que chega ata a rúa Socorro, adentrándose xa no Orzán, un sector afectado tamén polos factores indicados previamente.

Traslado das paradas de transporte urbano

Unha das medidas a destacar no contexto desta nova fase que se inicia mañá, mércores 3 de abril, é o traslado das paradas de autobús correspondentes ás liñas 4, 5, 6, 6-A, 7, 11, 24 e tamén a da UDC, tanto en sentido de entrada á cidade como en sentido de saída.

Dado que a circulación do tráfico rodado estará imposibilitada entre Santa Catalina e Sol ao longo desta quenda de traballos, o Concello delimitou novos espazos para a agarda das persoas usuarias.
O mapa coas novas localizacións provisionais pode descargarse aquí.

 

0.12727403640747