Este luns, Pol Guasch e Mario Regueira pechan o ciclo Poetas Di(n)versos do ano
Este luns 23 de decembro ás 20.00 horas, o auditorio do Centro Sociocultural Ágora acollerá a última sesión do ciclo Poetas Di(n)versos deste ano, coa participación de Pol Guasch e Mario Regueira. O evento, organizado e conducido pola Premio Nacional de Poesía 2023, Yolanda Castaño, e promovido polo Goberno de Inés Rey, será de entrada gratuíta ata completar aforo.
O ciclo, que busca pór en diálogo dúas maneiras distintas de entender a poesía, contará nesta ocasión co catalán Pol Guasch e o galego Mario Regueira.
Pol Guasch (Tarragona, 1997) é un escritor que combina a literatura coa investigación académica. Licenciado en Estudos Literarios e cun mestrado en Construción de Identidades Culturais pola Universidade de Barcelona, tamén se formou no Programa de Estudos Independentes do Museo de Arte Contemporánea de Barcelona. É autor de poemarios premiados como Tanta gana (2018) e La part del foc (2021), ademais de ser recoñecido pola súa novela Napalm al cor (2021), traducida a varias linguas. Este ano publicou a súa última novela, En las manos, el paraíso quema.
Pola súa parte, Mario Regueira (Ferrol, 1979) é un escritor galego caracterizado pola súa versatilidade, con obra en narrativa e poesía. As súas creacións tratan temas como a diversidade sexo-afectiva e as cuestións de xénero, así como a literatura de posguerra. Entre as súas obras destacadas atópanse a novela Outono aquí (2011) e libros de poesía como Tanxerina (2006) e Marco Livorno (2020). Este último, galardoado co Premio Illas Sisargas de poesía erótica, explora paixóns queer nun contexto de barrio obreiro e fútbol.
Yolanda Castaño, promotora do ciclo, destacou a importancia de Poetas Di(n)versos como punto de encontro entre tradicións poéticas diversas, consolidando o Ágora como un espazo de referencia para a poesía na Coruña.